A Real Academia Galega (RAG) acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 - Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da Covid-19. A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto o día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.