Os centos de bolillos pasando dun lado a outro debuxando delicados encaixes soarán nas nosas casas a partir de mañá aínda que non poidamos acudir á Mostra do Encaixe de Camariñas. Prevista para o pasado 12 de marzo, suspendeuse ao coincidir practicamente co estado de alarma a causa do coronavirus. Pero unha edición tan redonda como a deste 2020, trinta anos de historia, non podía desbotarse dese xeito e o Concello e a Deputación da Coruña decidiron seguir adiante, traballando sen parar para que hoxe mesmo abra a feira... pero de xeito virtual.

Dende hoxe mércores ata o domingo 12 de abril poderá seguirse cada cita do programa a través da páxina de Facebook, Mostra Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

Modesto Lomba

Os internautas poderán seguir a apertura da feira hoxe ás 15.00 horas ou ver ao famoso deseñador Modesto Lomba ás 21.00 horas, ou conectarse o xoves ás 12.00 para ver aos deseñadores máis mozos, e o domingo de 12.00 a 16.00 todos poderán contemplar o marabilloso espectáculo de artesanía en vivo da xuntanza de palilleiras.