Galicia non pode quedar atrás no traballo mundial na procura de vacinas ou fármacos contra o Covid-19. A Universidade de Santiago (USC) vén de anunciar que o investigador José Martínez Costas, do CiQUS, acaba de obter financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento dunha vacina fronte á doenza do SARS-CoV-2.

Para conseguilo, a USC patentou unha nova metodoloxía. A prol ten que "permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo", destaca a institución académica. Como explica o doutor Martínez Costas, "a metodoloxía a partir da que se traballará é válida fronte contra calquera patóxeno. Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os antíxenos víricos".

Estas partículas "purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimula-lo sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune soe estar debilitado", engade o investigador.

O equipo do CiQUS traballará na produción da vacina mentres que o ensaio en animais levarao a cabo outro equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal de Valdeolmos (Madrid).