Este Venres Santo, por primeira vez, non se fará o Luar. Nas últimas semanas, o programa seguiu estando aí, acompañando e aconsellando na medida do posible, pero hoxe a TVG vai recuperar a esencia do auténtico Luar o da música, a festa, o baile, a emoción e a ledicia. As actuacións dos mellores artistas enchendo o escenario, a forza da tradición musical galega, o humor „que non falte nunca„, a festa rachada coas mellores orquestras do mundo e as novas voces con todo o futuro por diante. Todo isto é Luar, que esta noite incluirá algunhas das mellores actuacións musicais que pasaron polo escenario nos últimos meses, desde Paloma San Basilio a María Jiménez, desde os grandes éxitos de Raúl ás cancións inesquecibles de Andrés Do Barro interpretadas por Xosé Manuel Piñeiro.

Ademais de música, este programa especial Luar contará tamén co humor de moitos dos colaboradores habituais do programa, como Cuqui, Alberte Montes e o dúo formado por Brandariz e Veiga. As mellores orquestras, a música tradicional e as actuacións máis sorprendentes completan un programa especial coas seccións habituais do Luar auténtico.

Por outra banda, a TVG emitirá hoxe tamén a Liga das familias extraordinarias, unha gala, presentada por Paco Lodeiro, en que oito dos cantantes que participaron durante o pasado verán no concurso para atopar o mellor intérprete das orquestras galegas, actuarán coas súas familias, non profesionais da música.