O humor é moi necesario en tempos de crise e por iso a Crtvg ofrece a partir de hoxe na súa páxina de internet unha selección moi variada de comedias, dentro do ciclo de cine galego en aberto Carteleira G. Cada semana, a proposta vai mudando, sempre cun fío condutor para todas as películas, ben o xénero ou o director. As semanas anteriores, o ciclo estivo composto por películas sobre o narcotráfico e sobre o amor.

Nesta ocasión, ofrecerase o filme Os mortos van á présa (Ángel de la Cruz, 2009), que parte dun feito moi coñecido que se repite, ano tras ano, nas estreitas estradas dalgúns lugares de Galicia. Un camión, xeralmente cargado de marisco, queda atascado. Na acción de Os mortos van á presa, sucede nunha rúa dunha vila mariñeira, bloqueando e illando a saída e provocando tamén unha crise social ao non poderse enterrar o patrón maior, pois o enorme vehículo atrancado impide tamén pasar ao cortexo fúnebre cara ao cemiterio. O director e guionista xogou a facerlles unha homenaxe ás películas de humor costumista españolas e inglesas, cun elenco de actores ben coñecidos do público galego: Manuel Manquiña, Chete Lera, María Castro, Antonio Durán Morris, Ernesto Chao, Xosé Manuel Olveira Pico e Uxía Blanco.

Durante os vindeiros días tamén se poderá ver Cre binsky (Enrique Otero, 2011), baseada nunha curtametraxe anterior da súa autoría, sobre dous peculiares irmáns que viven das crebas (os obxectos que devolve o mar e que recollen nas praias). Tamén forma parte deste novo ciclo a longametraxe O partido (Juan Calvo, 2006). Tomando como inspiración varias comedias recentes do cinema social inglés „especialmente The Match, de Mike Davis„, a produtora coruñesa Vaca Films velaba as súas primeiras armas con esta produción, que foi premiada como a mellor película do ano, escollida entre todas as feitas para televisión. Entre os seis novos títulos desta semana tamén figuran Fútbol de alterne (2010) e Nin en soños (1994), ambas as dúas do director Alber Ponte.