A Crtvg aumentará o tempo e os contidos do bloque educativo que ofrece cada mañá pola G2 e a web crtvg.gal, con contidos variados para os escolares. Esta faixa educativa estenderase desde mañá entre as 10.00 e as 13.30 horas. O Sabedoiro, espazo de produción propia da TVG que naceu coa vocación de que a cativada teña un apoio escolar nestas semanas de confinamento, aumenta a duración de 30 a 50 minutos e incorporará novas seccións didácticas. Debido á súa boa aceptación, e co ánimo de axudar en máis tarefas, incluirá novas materias como o inglés. E manterá o seu carácter de directo para seguir fomentando a interacción co seu público, a través do WhatsApp e do Facebook do programa. Tamén se pode acceder a el a través da web da Crtvg. Os luns haberá contidos de ciencias naturais, planeta feliz e ximnasia; os martes inglés, manualidades e baile; os mércores chegará a clase de lingua galega, planeta feliz e música; os xoves haberá tempo para matemáticas e inglés; e os venres pecharase a semana con ciencias sociais, planeta feliz e manualidades.

Ademais, e da man dos Bolechas, os máis pequenos tamén terán a posibilidade de aprender con O teacher dos Bolechas, quen, ademais de impartir clases de inglés desde a súa casa, o teacher chamará os Bolechas para saber como o están pasando estes días na casa. En total, serán 13 capítulos de 15 minutos de duración que se emitirán diariamente e que complementan a programación educativa da canle pública. Cada clase terá unha temática diferente e actividades máis lúdicas.