Sabían que en China logo do confinamento houbo un aumento dos divorcios e separacións? Pasará o mesmo en Galicia? Non se preocupen, Brenda Vázquez, Elena Portela e Olaya Rivas, as reporteiras de Actualizad@s achegaranlles aos espectadores os consellos dos expertos para vivir a corentena en parella, así como os testemuños de parellas que viven xuntas esta época, pero tamén separadas. Amais, falarase de se a corentena provocará o que se coñece como un baby-boom o vindeiro ano debido ao confinamento, de como xestionar unha casa con 12 fillos e da importancia de atopar momentos íntimos durante as restriccións establecidas no estado de alarma.

Despois de estar durante meses confinados nas súas casas, en China, produciuse un notable aumento de divorcios, e pode que chegue a pasar en Galicia. O equipo de Actualizad@s falará cun avogado especializado en dereito de familia para coñecer a situación na nosa comunidade, que pechou o ano pasado cun descenso notable nos divorcios e separacións, e interesarase por coñecer as preguntas que lle realizan normalmente cando se inicia o proceso de separación. Dado que o espazo quere ser optimista, falarase na asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia cun psicólogo experto en terapia de parella e mediación familiar para que dean os consellos necesarios para que as relacións de parella non se deterioren, e tamén saber se están recibindo consultas durante a corentena. Para contar todos os puntos de vista da historia conversarase cunha parella das que casaron no programa Casamos, da TVG, no 2017.

Non todas as parellas están a vivir a corentena igual, e hainas que lonxe de ter medo a non poder aturarse entre eles e estando todo o día na casa, teñen a mala sorte de ter que vivir o confinamento separados. Por iso, o programa entrevistará unha parella que vive esta situación, para saber como manteñen o contacto e que é o que máis botan en falta.

O famoso apagón de Nova York, de 1965, que deixou sen luz a 30 millóns de persoas, provocou unha explosión de nacementos meses máis tarde. Daquela, non había internet e sen nada máis que atender, a consecuencia foi obvia, pero ocorrerá o mesmo tras a corentena? O Actualizad@s falará con varias parellas que contarán se a súa vida sexual está sendo máis activa desde a corentena, se foi a menos ou se segue sendo a mesma. En particular, contarase co testemuño de Vanessa a Javier, que participaron en A miña casa pola túa.