Escribo esta pequena reflexión pasadas xa catro semanas de confinamento forzoso. Quen máis quen menos, todos nos queixamos nalgún momento, dalgún xeito, desta situación que, se non fose real, ben podería responder a un guión dunha produción cinematográfica. E algo que nunca antes vivimos, nin sequera os máis vellos, aqueles que o están pagando máis, os que ainda lembran os rigores da posguerra. Incluso eles, naquela situación de miseria e fame, non vían restrinxida por completo a súa capacidade de relacionarse cos semellantes. Porque o que de verdade nos causa un grande desacougo non é a restrición na mobilidade, senón a absoluta restrición nas nosas relacións sociais. É certo que hoxe temos a disposición tecnoloxías que nos permiten manternos informados sobre as novas do mundo e, sobre todo, das novidades dos nosos amigos e familiares: velos, escoitalos... Pero é agora cando de verdade nos decatamos de que, coma sempre se dixo, nada é comparable ao contacto real.

Dende logo, non somos pioneiros do confinamento. Moitos antes que nós viviron períodos, ou vidas, confinados, uns pola acción das leis (xustas ou non) ou das guerras, outros por vontade propia, movidos por sentimentos relixiosos ou artísticos. Pero nos... até hai algo menos dun mes criamos ter certas seguranzas ou, cando menos, que tal vez poderíamos logralas con esforzo, con apoio ou con sorte. Pero de súpeto, quedan moi poucas seguranzas. Un virus, un ente sobre o que nin sequera hai acordo sobre se está vivo ou morto, veu poñer todo en cuestión. Soemos asociar as catástrofes con outras cousas: meteoritos, terremotos, volcáns, fenómenos meteorolóxicos, guerras... Por máis que os científicos levan anos advertindo do elevadísimo risco dunha pandemia grave orixinada no sueste asiático por zoonose (transferencia dunha enfermidade de animais a humanos), as autoridades de todo o mundo, de todas as ideoloxías, non prestaron a debida atención. É terrible: os científicos advertiron punto por punto, de todo o que está a ocorrer, sen obter resposta nin apoio de posibles financiadores públicos nin privados. Agora, máis da metade da poboación mundial está confinada pola acción dun ente nanoscópico que só é capaz de prosperar a expensas das células doutro organismo vivo. Que gran metáfora da nosa debilidade como sociedades, do insignificantes que somos fronte ao fortes que creemos ser! E que enorme responsabilidade para todos aqueles que durante anos non escoitaron aos expertos!

Agora, nesta situación grave e inesperada, toda a sociedade volta os seus ollos á Ciencia buscando respostas rápidas: tratamentos, vacinas, procedementos para controlar e desactivar a pandemia, para prever a súa expansión e a súa desaparición. Pero son xa decenios de desprezo á Ciencia, de falla de financiamento, de considerala un gasto no canto dunha inversión a longo prazo. Durante demasiado tempo calquera cousa , por banal que fose, foi máis importante que o coñecemento. Se hai só un ano un científico tivera proposto un proxecto sobre transmisión de enfermidades entre especies, ou sobre posibles escenarios para a expansión e control dunha pandemia, con toda probabilidade non tería sido financiado, por considerar ditas investigacións "irrelevantes" ou "non susceptibles de comercialización". Agora os gobernantes, de diversas ideoloxías, que pouco a pouco foron retirando orzamento á Ciencia, urxen aos grupos de investigación a unirse e dedicar todos os seus esforzos a traballar na prevención, mellora ou curación da doenza Covid-19. Un obxectivo urxente, claro, e perfectamente entendible. Cando os expertos indican que será difícil ter unha vacina antes de 18 meses, a xente bota as mans á cabeza, sorpréndese e desespérase. Pero e que a Ciencia non funciona así, a adquisición de coñecemento é un proceso moi lento, o método científico non admite atallos, está deseñado para ir paso a paso, avanzando dun xeito rigoroso, controlando todas as posibles variables unha tras outra. A Ciencia consiste en explorar o descoñecido e expandir as fronteiras do coñecemento, non en idear procesos, obxectos ou tecnoloxías aplicables ou comercializables no curto prazo. As investigacións que conduciron á inmensa maioría dos grandes avances dos que gozamos non buscaban en ningún momento xerar ningún avance, senón unicamente satisfacer a nosa curiosidade e expandir o coñecemento. Niso consiste a Ciencia básica. Sen ela, a tecnoloxía e a xeración de aplicacións, non sobreviven alén dun curto período de tempo. Cando isto remate, terá servido esta crise para que se entenda dunha vez por todas?

Que ocorrerá despois? Que aprendizaxes sacaremos de todo isto? No futuro haberá outras crises, das que descoñecemos todo. Moitas voces autorizadas lembrannos aspectos aos que necesariamente deberíamos prestar atención, porque poderían xerar novas situacións críticas, non necesariamente sanitarias, pero igualmente brutais: cambios no clima, modificacións irreversibles do medio natural, problemas de índole alimentaria, escaseza de auga potable... Todos estes temas, e moitos outros que se poderían expoñer requiren unha gran bagaxe de coñecemento previo, atención temperá, moito coñecemento básico, non son aspectos que se poidan abordar a cegas. Como é lóxico, a preocupación actual pola Covid-19 leva a proxectar todos os esforzos á curación desta doenza. Pero iso pode ter consecuencias moi negativas. Por exemplo, estanse a cancelar campañas masivas de vacinación contra outras doenzas que xeran tantas ou máis mortes, ou danos irreversibles de por vida en países en desenvolvemento. Como consecuencia, o sarampelo, a polio, etc., se verán reforzados e o beneficio obtido por un lado producirá un dano por outro. No último século, o benestar social foise expandindo pouco a pouco por todo o mundo. Compre lembrar que incluso nos países máis desfavorecidos as melloras respecto á situación anterior teñen sido enormes. Se queremos continuar a afondar no desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e no avance do benestar para todos, será preciso priorizar o avance do coñecemento, financiar axeitadamente e de modo estable a investigación e aos investigadores que, ao fin, son os que contribúen a mellorar o mundo. A investigación biosanitaria será moi importante, pero convirá identificar e non deixar de lado moitos outros aspectos nos que é tanto ou máis preciso investigar intensamente e, sobre todo, confiar no bo facer dos investigadores, que nos últimos anos foron tratados case coma delincuentes. Iremos vendo se cando isto remate temos aprendido algo...