"Ao principio, cando se decretou a alarma, houbo moito consumo, porque nós aos dez meses avisamos para que nos saquen os animais, e desta vez xa eles nos pediron porque había demanda. Polo de agora non notamos baixada de prezo aínda que a demanda se estabilizou pero cremos que si vai baixar polo que vemos a outros gandeiros e parece que a cousa está máis parada. Entendo que moita xente que se quedou sen traballo, e co medo ao que vai pasar despois, consuma máis económico, ave ou porcino. O que si é certo é que nos matadeiros xa se mata moito menos", conta Ana Martínez García, titular dunha explotación de vacún de carne cunhas setenta cabezas en Cesuras, tanto rubia galega como asturiana a cruce. Tamén vende tenreira galega suprema, neste caso para unha gran cadea, Eroski-Vegalsa.

O problema galego do minifundismo fai que teña que ter repartido o gando en tres terreos, un deles noutro concello, en Vilasantar, polo que ten que desplazarse constantemente. Ademais das vacas e os becerros ten tres espectaculares touros rubios. As crías están ata os sete meses no prado coas nais e despois van para unha nave a cebar e véndense aos dez meses.

Ana Martínez é outro exemplo do orgullo do rural, tan menospreciado, a pesar de ser un sector esencial con xente tan preparada coma ela, diplomada en Empresariais, e que se reciclou profesionalmente tras a crise económica. "A empresa na que estaba pechou e preto da casa había unha granxa, íanse desfacer dela, e eu estaba no paro. Non tiña experiencia aínda que meus pais tiveran catro vacas. A miña parella animoume, gustoume e xa non quixen saber doutro traballo. Téñenme dito tí, tendo unha carreira, qué fas coas vacas. Por que teño que avergoñarme? Estou moi contenta e síntome súper orgullosa, son feliz en contacto coa natureza e os animais. Penso que igual despois disto se valora máis pola sociedade, porque os produtos saen do campo, non do supermercado", conta Ana, que se sinte "unha privilexiada" por non estar confinada nun piso e poder ir aos campos a traballar, desbrozar, atender os animais, estralos como se facía tradicionalmente, etc.

"Esta criste coincide cun ano de reforma da PAC e querería saber que vai pasar con iso, se van facer os adiantos máis cedo, porque aínda estou sen cobrar o 90% da PAC do ano pasado. Temos medo de que os cartos da Unión Europea vaian a outras cousas, cando moitas explotacións dependen deste apoio tan importante", engade.