Nesta pandemia do Covid-19 que nos agonía, prácticamente todolos gobernos do mundo tiveron que improvisar seus comités de expertos para poder tomar decisións, case sempre urxentes e precipitadas, cun mínimo de respaldo científico. Houbo moita improvisación e mesmo decisións que aos poucos días había que rectificar. Algo, que aínda que para moitos resulte inadmisible desde o punto de vista que teñen da ciencia, ao tratarse dun patóxeno ata agora descoñecido, resulta ata certo punto xustificable. Existiron fundamentalmente actuacións independentes dentro de cada estado pero que non impediron que a comunidade científica mantivera un frenético e, mesmo entolecido, intercambio de informacións que convertiron o problema do coronavirus nun asunto científico de dimensións planetarias. Neste proceso de coñecemento compartido había institucións como a Universidade John Hopkins ou a London School of Hygiene and Tropical Medicine que pola súa traxectoria de traballos sobre as epidemias emerxentes, exerceron unha sorte de liderazgo científico, polo que seus informes e conclusións eran obxecto dunha maior aceptación e respecto.

De todas maneiras, hai un consenso xeralizado que diante desta pandemia como de calquera outra que tivera un carácter universal, ademáis das actuacións propias de cada estado e dos intercambios científicos globais, se necesitaba tamén unha organización internacional que asumise a promoción e xestión das actuaciós a escala mundial. Evidentemente que temos a Organización Mundial da Saúde, dependente das Nacions Unidas , fundada en 1948, coa finalidade de "prevenir, promocionar e intervir a nivel mundial en materia de saúde". Pero quédanos a dubida de si a OMS no caso do Covid-19 cumpliu coas súas funcións. Vexamos: o 5 de xaneiro do 2020, despois de ser informada polas autoridades chinesas, comunica a aparición dun novo brote epidémico de natureza descoñecida; o 30 do mesmo mes anuncia unha "emerxencia de saude pública de preocupación internacional"; e o 11 de marzo a declara como "pandemia". Sempre seguindo os protocolos da Reglamento Sanitario Internacional (2005), polo que aparentemente cumpliu co seu deber de "informar" ao mundo do problema que se lle viña enriba.

Tamén no relativo á prevención, realizou varias advertencias sobre os riscos destas epidemias emerxentes, a última, no mes de setembro pasado. Porén, fracasou na sensibilización dos estados fronte a estes problemas, algo que entraría dentro das súas competencias. E no relativo a súa xestión da crise sanitaria desde que se propagou por case todo o mundo aparecen moitos claroscuros, con decisións as veces tardías e algunhas, mesmo contradictorias. Aínda así, a falla dun liderazgo real que inspire directamente as tomas de decisións a nivel dos estados habería que atribuirlla máis ao desinterese dos propios estados fronte a estas institucións de carácter supranacional (cos EEUU á cabeza) que aos erros nos que as mesmas teñan incurrido.

Coido que xa pasaron os tempos en que eran consideradas con moito respecto e admiración institucións como a Unesco, a FAO ou esta mesma OMS, que foron creadas ao abeiro do espíritu de renovación e concordia internacional que agromou nos anos coarenta do XX despois das duas guerras mundiais. Eu mesmo son testemuña de como na España dos sesenta e setenta do pasado século, as suas publicacións (algunhas delas prohibidas ou de moi difícil adquisición) eran procuradas co máximo interese, e as suas declaracións aceptadas sen discusións. Eran tempos nos que a globalización das viaxes ao extranxeiro e o intercambio mundial de mercadurías apenas existía pero, a cambio, viviamos unha sorte de globalización intelectual e moral que nos facía creer firmemente en utopías como a paz e a xustiza internacional.

Hoxe o mundo mudou e os estados alentados por un nacionalismo crecente así como o poder económico das grandes corporacións transnacionais, miran con receo calquera intromisión nos seus dominios desas venerables institucións. Seguen a existir pero con unha vida lánguida (a OMS ten uns orzamentos que prácticamente ficaron inamovibles nos últimos doce anos) cando non son abeirados e ninguneados dun xeito ostentoso, como fai o impresentable Trump neste días coa OMS e antes o fixeran outros presidentes, coa Unesco.

Que será destas institucións cando este pesadelo remate? Seguirán existindo nese novo mundo mellor que algúns queren albiscar? O meu desexo sería que a OMS saira reforzada pero tamén anovada e alixeirada de moita burocracia (na actualidade traballan nela 8.000 persoas) e que seu papel como garante da saúde universal fora máis valorado e aceptado por todos. Pero tamén desexaría que nese novo mundo foran tamén ben recoñecidas como referencias mundiais a Unesco (o valor da educación e da cultura) e a FAO (a necesidade dunha boa alimentación para todos).