Jesús Pardal Castro escolleu o camiño da producción responsable, o respecto polo medio ambiente e o benestar animal por riba da rendabilidade económica. "Gaño menos que cando traballaba no taller, estaba de pintor, pero son máis feliz, estou máis realizado. Intento vivir disto pero tamén quero ver as fincas coidadas, que o monte non estea abandonado, non utilizar produtos químicos nin plásticos", conta este rapaz de Moares, no concello de Rois, preto de Santiago. En 2016 comezou cunha explotación de vaca autóctona, a raza limiá, e hoxe en día ten unhas trinta cabezas ademais dun touro para a reprodución, todo tenreira galega suprema certificada que vende a unha cooperativa e a particulares, e tamén agora a un criador de bois.

"Aquí o confinamento non se nota, é unha aldea e o único é cando te desprazas, pero levas o libro de explotación, o recibo de autónomos, e xa está. Se vendes polas canles tradicionais non tes problema pero a particulares si porque non lles podes levar á casa a carne nin eles vir aquí, tan lonxe, porque teño clientes de Ferrol e Pontevedra, e non poden xustificar o desprazamento tan lonxe. Pero si se está a notar esta situación xa economicamente. Din que a carne subiu de prezo pero nós notamos unha baixada dun euro o kilo, que nun xato son unos 200 euros. Din que a xente non demanda este tipo de produto, os chuletóns eran para os restaurantes e nas casas van a pezas máis baratas. A xente aprétase un pouco máis e os súper nin teñen exposto este tipo de carne, digamos, gourmet", conta.

Este tipo de explotacións de carne contan co problema de que teñen que vender os xatos aos dez meses como moi tarde para que sexa tenreira suprema, e se agora non hai demanda e os animais non se venden, van collendo idade, xa se pasan e logo levan un prezo máis baixo, e ademais, mentres tanto, seguen xerando gasto.

Esta clase de gandería sostible, que non está pensada como unha industria como acontece coas grandes explotacións leiteiras, ten que traballar dun xeito distinto para sobrevivir: ir ao mínimo gasto. "Teño terreo arredor da casa, unhas vinte hectáreas, apenas merco penso para completar, non vén o veterinario a inseminar porque é natural, co touro, e a raza autóctona ten de bo que é un animal máis duro, vive moito e pode estar parindo vinte anos, e sen problemas de parto normalmente, polo que non tes que meter recría. Son vacas que están todo o día no prado e os xatos con elas. Eu non podo competir coas grandes superficies, así que todo ten que ir ao mínimo gasto".

Pardal traballaba na automoción, seus pais tiñan vacas de leite e logo pasaron á carne e cando xa o ían deixar el colleu o relevo. A crise económica de 2008 fíxolle replantexarse as cousas, as condicións de traballo na cidade, e apostou polo campo. "Este traballo non está o suficientemente recoñecido pola sociedade. Aos que nacen na aldea incúlcaselles que busquen un traballo de verdade, como se este non o fora, ou se di que se non vales, para o campo. Eu coñezo enxeñeiros, veterinarios, con explotación, traballando a terra".

"Se non é polas axudas da PAC, terías que vender o produto ao doble, e estarías repercutindo no consumidor. Se o prezo segue baixando, van ter que compensar as perdas. Aquí non se pode facer ERTE e esperar, os animais seguen comendo", conta este gandeiro, que opina tamén que esta crise pola pandemia non vai revalorizar o campo nin potencialo. "Cando pase isto vanse olvidar de todo. Só se lembran de nós en cousas como os incendios, daquela cúlpannos a nós por non limpar os montes. É moi inxusta a valoración que hai".