Os artistas galegos dos máis variados estilos son protagonistas esta noite do musical Luar, que como cada venres acode en directo á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia (TVG). Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Beatriz Serén darán paso sobre o escenario a versátiles artistas como Christian Escuredo, actor e cantante, en cuxa traxectoria destacan os seus últimos papeis principais en aplaudidos musicais, e que esta noite ofrecerá unha versión en galego de Amar polos dous, canción gañadora no Festival de Eurovisión 2017, en homenaxe a Salvador Sobral.

O cantautor Manu Escudero achegará Conmigo vas a contar, un canto de loita e á esperanza, que interpretará a dúo coa tamén cantautora compostelá Yadhira. Entre o elenco artístico tamén haberá bandas novas, coma Verto, grupo pop compostelán formado por Alberto Mira e Fernando Peleteiro, que achegará diversión co seu novo tema Sempre igual, e as inigualables composicións tradicionais galegas que ofrecen nas súas actuacións Os Carunchos. Ademais, os cantantes Lito, da Panorama, e Blas, da París de Noia, en representación das orquestras máis populares, amosarán a peza Fuerte tienes que empujar, canción coa que queren simbolizar a unión destas formacións para superar os difíciles momentos que atravesa o sector.