"Alarmantes" e "indecentes" considera os datos sobre sanitarios infectados polo coronavirus SARS-CoV-2 a tesoureira e portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), Ana Arceo Túñez. "Está claro que os protocolos de prevención están fallando. Aos primeiros aos que se nos debería realizar test é aos profesionais dos centros de saúde, para asegurarnos de que non somos vectores da enfermidade entre nós e cos nosos pacientes", sinala. Arceo Túñez, médica no ambulatorio da localidade coruñesa de Ordes, reivindica o papel da Atención Primaria na pandemia da Covid-19, pero insiste en que para que ese nivel asistencial sexa forte e resolutivo, "ten que poder pedir test a todos os pacientes sospeitosos da enfermidade". "Cómpre ter un protocolo claro para o diagnóstico e o seguimento dos casos", remarca. De cara ás próximas semanas e meses, cre que un dos grandes retos vai ser citar de novo aos pacientes en consultas presenciais. "A xente ten medo e hai máis enfermidades que o coronavirus que non poden ser desatendidas e precisan dunha valoración presencial. A consulta telefónica non pode ser o futuro", subliña esta facultativa.

Cal foi o papel da Atención Primaria nas primeiras semanas da crise sanitaria provocada pola Covid-19?

Na primeira fase da epidemia, na Atención Primaria tivemos un papel importante no diagnóstico e seguimento de casos, xa que fomos a porta de entrada de moitos pacientes. Para elo, establecéronse circuítos exclusivos de atención aos pacientes con clínica compatible coa Covid-19 nos centros de saúde e telefonicamente. O que peor levamos foi a falta de liderado e comunicación coa Administración, que xerou moita incertidume nas distintas áreas sanitarias. Non se tivo en conta a nosa opinión para a elaboración de protocolos comúns a toda a comunidade, a pesar de que o noso traballo foi inmenso e moi importante. Temos a sensación de que puidemos facer moito máis. Estivemos moi limitados ao non dispor de test para poder facer un diagnóstico en todos os casos sospeitosos. Só nos pacientes considerados de risco podemos enviar a solicitude de test para a súa realización hospitalaria. O seguimento de todos os pacientes con clínica que non eran candidatos a test fixémolo nos. Estes pacientes non aparecen nas estatísticas do coronavirus.

A Atención Primaria vai ter un peso maior nesta segunda fase da epidemia que estamos a comenzar. Que novas tarefas asumirán desde os centros de saúde?

Para que a Atención Primaria sexa forte e resolutiva ten que poder solicitar test a todos os pacientes sospeitosos de enfermidade. Cómpre ter un protocolo claro para o diagnóstico e seguimento de casos e é fundamental o rastrexo e illamento dos contactos. A participación das redes comunitarias, especialistas de Saúde Pública e Laboral e traballo social deberían estar coordinados cos centros de saúde para conseguir o control total da epidemia. Pero para todo iso necesitamos medios.

Estas novas tarefas sumaranse ás que xa realizan para o control de centos de pacientes infectados que pasan a corentena nos seus domicilios ao non precisar ingreso hospitalario. A pesar de que se anularon as citas non urxentes e son moitos menos os pacientes que chaman por teléfono ao seu médico de cabeceira, o volume de traballo segue sendo o mesmo?

A consulta telefónica vai en aumento conforme vai en aumento o confinamento dos nosos pacientes. O reto vai ser citalos de novo en consultas presenciais. A xente ten medo e hai máis enfermidades que o coronavirus que non poden ser desatendidas e precisan dunha valoración presencial. A consulta telefónica non pode ser o futuro porque a exploración clínica e o contacto directo co paciente é parte fundamental da valoración integral do paciente nas tres esferas biolóxica, psicolóxica e social. Teremos que reorganizar as nosas axendas con ocos de maior duración para que non coincidan pacientes que precisan ser valorados e á vez seguir mantendo as consultas Covid en circuítos independentes.

Desde Agamfec demandan un protocolo organizativo para estes centros. De feito, están a elaborar un documento respecto diso. Que medidas concretas recóllense nese texto?

Estamos elaborando un documento cunha proposta de desescalada que presentaremos na Consellería. Queremos estruturalo en distintos puntos: organizativo, clínico, socio sanitario e recursos necesarios. Xa temos moito traballo feito cunha compilación de documentos que se pode consultar na nosa páxina web.

O venres iniciáronse nos centros de saúde os test para determinar a prevalencia da Covid-19 na poboación galega. Agamfec apoia a posta en marcha de estudo? Hai voces que falan de certa improvisación?

Dende Agamfec parécenos interesante a posta en marcha deste tipo de estudos, xa que, aportan datos sobre a situación inmunolóxica da poboación; aínda así consideramos que existen moitos sesgos e factores que inflúen e que teñen que ver co grao de dispersión da poboación, mobilidade e moitos outros. E non se trata de facer propaganda con eles, senón de analizar para tomar medidas de xestión. Parécenos incomprensible o gran despregue de medios humanos e de tempo en Atención Primaria para este estudo mentres se nos sigue limitando o acceso libre ás probas máis importantes para parar a propagación do virus. Tampouco se asegura a nosa protección nin a dos pacientes na súa realización, nin son claras as medidas a tomar en función dos resultados.

Os colexios médicos piden que os sanitarios de Primaria se sometan a test cada cinco días para garantir que non están infectados. Apoian esta medida?

Os datos sobre profesionais infectados son alarmantes e indecentes. Está claro que os protocolos de prevención están fallando. Aos primeiros aos que se nos debería realizar test é aos profesionais dos centros de saúde, para asegurarnos de que non somos vectores da enfermidade entre nós e cos nosos pacientes. Ademais seguimos tendo unha gran carencia de EPI tanto en calidade como en cantidade para a realización do noso traballo. Se non coidan de nós, dificilmente imos poder coidar dos nosos pacientes.

Temen volver á sobrecarga de traballo cando teñan que atender a pacientes de coronavirus e ábranse aos poucos as axendas para asistir a outro tipo de enfermos?

A situación previa á epidemia, de falta de recursos humanos e de axendas sobrecargadas, con tempos de consulta por doente insuficientes, xa era unha das reivindicacións non resoltas da Atención Primaria. Preocúpanos como se vai a resolver si ademáis engadimos un circuíto especifico para o coronavirus que vai demandar máis tempo e profesionais. Cómpre reforzar as equipas máis que nunca.