27 de abril de 2020
27.04.2020
La Opinión de A Coruña

E de súpeto, a vida parou? ou non? A ciencia confinada

27.04.2020 | 02:08
Varios trabajadores en el Laboratorio del Centro Militar de Farmacia de la Defensa de Madrid.

Hoxe, 23 de abril, levo 42 días dende que a vida quedou xeada, ou esa foi a sensación inicial. Agora que o extraordinario xa é rutina, vense as cousas con un pouco máis de perspectiva, se é posible; porque o que antes era claridade e control, e organización, de súpeto converteuse en incerteza e incredulidade. Aínda teño presente cando nos comunicaron o confinamento e nolo tomamos sen moita consciencia, case con actitude un pouco de broma sen saber o que viña. Pero o que veu, foi realmente malo? Obviamente non me refiro aos estragos que ese virus causou, e causa cada día no mundo, senón na revolución que provocou en cada un de nós, paseniño, segundo a segundo, minuto a minuto, día tras día.

Durante as primeiras tres semanas espertaba cada mañá pensando que ao mellor fora todo un mal sono, un pesadelo que se esvaecía coa saída do sol; porque si quentou moito o sol nas primeiras semanas, sol liberador, raios xeradores de optimismo nunha situación tan surrealista, na que a vida se mudou para quedar nun mundo paralelo. Os primeiros días era todo caos, descontrol, loucura, dando voltas pola casa sen saber moi ben por que estábamos así, sen aviso? como puidemos ser tan ilusos; como foi posible que a miña mente acostumada á ciencia e a estudar os eventos naturais, nin me permitira imaxinar que isto ocorrería. A vida na casa, teoricamente nun ecosistema cálido e amable, converteuse nun pavillón de carreiras de fondo onde tivemos que converternos en persoas multitarefa, nais a tempo completo, amas de casa, mestras, psicólogas, e no meu caso, científica. Tivemos que reinventarnos, e como case sempre xa en situacións normais, e máis en crises, as mulleres levamos a peor parte, ou ao menos, a nosa mochila destaca polo seu volume. As persoas que nos adicamos a esta profesión, a ciencia, tan pouco recoñecida e valorada neste país, estamos acostumadas á flexibilidade, ao traballo en condicións de todo tipo, moitísimas veces baixo situacións moi precarias. Estamos acostumados a traballar na casa, a calquera hora, os fines de semana, é algo intrínseco á nosa profesión, pero sen embargo, esta nova experiencia desbordoume. O que mellor describe esta situación é falta de concentración e esgotamento mental aderezado cun enorme sentimento de culpa, enorme, por non ser capaz de controlar a situación e continuar como se o mundo aí fóra non estivera en estado de alarma. Estado de alarma! Pouco a pouco fóronse facendo rutinas, familiarizámonos coas tarefas escolares, as plataformas online, as rutinas domésticas, as visitas ao supermercado que en vez de ser liberadoras pola oportunidade de respirar, introdúcenos nunha película de zombis apocalíptica da que estás desexando escapar. Pero debaixo de todo iso, debaixo, houbo remodelamento neuronal, penso? houbo un reset vital, un atoparse de novo, un cúmulo de reflexións. Eu pensaba nas moitas veces que me sentín soa nos últimos anos debido a unha situación persoal, e como ese sentimento parece agora tan nimio. E non é que agora me sinta especialmente soa, ao contrario, a vida adquiriu outra perspectiva, a revolución mental foi tal, que todo o que pase despois deste confinamento, dende este prisma, parece ou da a sensación de ser máis doado; será máis doado? Penso moitas veces no momento tan especial que estamos a vivir, un momento histórico que nos converte en animais de experimentación social, incluso me produce ansiedade pensar que non estamos aproveitando ben a experiencia, que non estamos escribindo e comunicando dabondo as sensacións tan extraordinarias e únicas; teño medo ao seu esvaecemento ou a súa distorsión despois de que todo remate. Así, gustaríame relatar as emoción sentidas como o medo, a ansiedade, as ganas de chorar así de súpeto, o nerviosismo que se tinguía con expresións de odio e ira nas redes; non deixa de sorprenderme a verborrea de moitos/as ousados/as, ignorantes atrevidos, expertos epidemiólogos, xente con moi poucas miras e mínima empatía, por non falar dos liberadores de bulos. Por saúde mental, decidín facer un bloqueo das redes e incluso dos diarios centrando a miña atención nas comunicacións científicas sobre a Covid-19. Como bióloga, unha das miñas materias preferidas durante a carreira foi a viroloxía, así que enseguida intentei poñerme ao día co bicho, coa súa estrutura, os posibles fármacos e os distintos test. Unha das cousas que máis me chamou a atención nestes días foi a cantidade de xente disposta a crer todo tipo de noticias conspiranoicas sen ningunha base científica; que falta de cultura científica e crítica temos neste país! E aí atopei un nicho, deime conta que podía axudar a entender e explicar os distintos tipos de probas de diagnóstico baseadas en técnicas de BIOLOXÍA MOLECULAR que utilizo cada día para o desenvolvemento do meu traballo de investigación. Pero como é posible que tendo o tecido investigador que temos aquí, os científicos estamos na casa? Como é posible que dende o día cero ofrecemos as nosas mans, experiencia e equipos, e a resposta da administración é de algúns colectivos médicos é que somos o plan B?

O plan B deberían ser todas esas persoas que se adicaron a desmantelar o noso sistema público, e non só o sanitario, sino o sistema de I+D+i do noso país coa escusa da crise; a escusa da crise! xa é ridícula a expresión per se por motivos obvios. Estamos poñendo en evidencia de maneira moi xusta a precariedade do sistema de saúde e dos seus traballadores/as, pero apenas escoito falar dos miles de científicos/as que en este país nin sequera temos recoñecemento da nosa profesión con contratos laborais alegais (si, aquí levo 10 anos enlazando contratos por obra e servizo no Sergas), ou simplemente sen contrato, ou en condicións mais que precarias. Moitos deses que se lles acusa de perder o tempo, de adicarse a unha afección, de vivir nunha zona de confort, están agora loitando na procura dun fármaco antiviral ou no desenvolvemento dunha vacina, e con sorte, se os intrusismos laborais o permiten, facendo PCR diagnósticas; pero non hai aplausos para eles, invisibles a unha sociedade que vive de costas á ciencia, que espera o éxito rápido e se escuda nesa falsa excelencia para que no sistema público de investigación xoguen só Messis; con uns niveis de esixencia propio dos sistemas de investigación e universidades máis potentes do mundo, pero cunha financiación das máis baixas de Europa. Eu penso que os xestores deste país están neste senso quedando en clara evidencia e deberían ter as meixelas máis que vermellas de vergoña, e nun futuro, cando todo pase, deberíamos pedirlles responsabilidades. Pero para rematar en positivo, de todo isto quédome co sorriso da xente que nin coñeces cando coincides esperando a liña no mercado ou tirando o lixo, quédome co enxeño e creatividade dunha sociedade que en xeral mostra unha madurez sen precedentes e que espero que dunha vez por todas, valoren o que realmente é importante e esencial. Démonos conta todos ou a maioría, que podemos vivir, e de maneira moi satisfactoria, con menos cousas, con menos consumo superfluo, contaminando menos, espertando un interese por un mundo mais sostible, onde as relacións persoais e as redes de amizade e solidariedade gañan relevancia cada día. Démonos conta que moitas decisións deben ser tomadas dende a ciencia e non sobre crenzas e fes, démonos conta de que o que non parecía importante, e sobre o que tivemos a tentación de non apostar, agora é a nosa salvación, a ciencia.


*María Pardo Pérez, investigadora I3NS Miguel Servet (Sergas), líder do Grupo Obesidómica, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS)

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.

 

Lo último Lo más leído