Cando se pensa nas cociñas das nais, avoas e demais parentela, veñen ao maxín perolas cheas de sabedoría e guisos cociñados con calma e man firme. O segredo das receitas familiares case sempre reside no bo siso de quen foi probando fórmulas ata dar coa proporción perfecta entre chiscos e mancheas. É así como se fan as mellores croquetas da tía Eulalia ou as potaxes do avó Ernesto e case sempre co mérito engadido de aproveitar aqueles restos de carne dun cocido ou un asado xunto coas catro verduras que había pola casa.

A cociña do Larpeiros Social Club da Televisión de Galicia (TVG) renderalle hoxe homenaxe a esas receitas que inventaron as nosas nais e avoa, co que había pola casa, facendo que o que un día non houbo máis remedio que inventar quedase para sempre nos libros de receitas da familia por dereito propio.

Merchi será a primeira en lembrar algúns dos trucos que lle aprenderon na casa, facendo unha lambetada tan deliciosa coma espectacular. E Lola contará coa axuda dun amigo e cociñeiro para lle dar traza a unha receita que fixo famosa a avoa Milucha. Pola súa parte, Adrián irá ata Chantada para coñecer os segredos de Ana e Ricardo, que coas súas vacas Jersey e moito traballo, fan uns queixos que agora xa son famosos en toda España. Coma sempre, haberá tamén risos, música e moita troula.

Por outro lado, malia que este ano non se poden celebrar as festas como acostumamos, a TVG non vai deixalas pasar sen lembralas e celebralas doutro xeito. Por iso este martes ofrece unha nova edición do programa Pídechas o corpo, dedicado nesta ocasión á Festa dos Maios, unha celebración que loa a primavera e que está moi ligada ás escolas. Este ano, os Maios reinvéntanse e vanse celebrar desde as casas. Asociacións e particulares de toda Galicia están chamados a facer o seu propio Maio nos domicilios e enviar unha foto a #cantádeme un maio. Xa teñen algúns resultados, que serán adiantados no programa desta noite.