O Día da Terra, o da Nai Terra, como se lle quere chamar agora, foi instituído en USA no ano 1970 polo senador Gaylor Nelson para chamar a atención do deterioro do planeta a mans dos humanos. Máis de vinte millóns de americanos botáronse á rúa nas diferentes manifestacións que percorreron o país e considérase esta protesta como a referencia fundamental da que parte o movemento ambiental mundial. Por este feito cada 22 de abril, promovido polas Nacións Unidas, conmemórase ese Día. Este ano cumpríanse cincuenta anos da súa instauración polo que se debería celebrar dun xeito moi especial, facendo como mínimo un balance de como cambiou ambientalmente a Nai Terra neste medio século. Pero non foi así, a pandemia que asola ao mundo, fixo que outras prioridades deixaran abeirada esa conmemoración. Eu mesmo, que din conferencias e máis escribín artigos sobre este Día, pasóusemecase desapercibido. Por iso, e aínda que sexa un pouco fora de tempo, quero dedicarlle unha pequena reflexión.

Comezando cunha pregunta, certamente, retórica. Como se tería conmemorado ese Día da Terra se non sucedera a invasión do mundo pola Covid-19? Posiblemente, e tendo en conta o que viña pasando nos últimos anos, os temas estrela serían o cambio climático e a perda da biodiversidade. Quizais tamén algúns problemas relacionados coa contaminación do aire e das augas ou a sostebilidade. En calquera caso, serían cuestións que estarían relacionadas con algunha das propostas que a comunidade científica e as organizacións transnacionais tiñan xa formulado nos últimos anos, como os Límites do Planeta de Steffen et al. (2015), moi vencellada á problemática do Antropoceno, e, nese mesmo ano, os Obxectivos do Milenio para o período 2016-2030, acordados pola ONU e os gobernos asinantes.

Non vou entrar no detalle destas propostas, pero si quero sinalar que en ningunha delas aparece como límite ou obxectivo de primeiro orde o problema das epidemias emerxentes, o que indicaría unha falla de clarividencia das organizacións e comunidades científicas que as sustentan, fronte ao que resultou ser o verdadeiro risco global. Mesmo a moi prestixiosa revista médica Lancet, nun informe presentado tamén no ano 2015 en colaboración coa Fundación Rokefeller sobre Salvagardar a saúde do planeta no Antropoceno, recolle as prevencións sobre epidemias emerxentes só coma parte dun sexto punto do apartado sobre necesidades en investigación e información.

Coñecíase o problema, pois a comunidade científica e organizacións sanitarias como a OMS xa nos tiñan advertido do perigo. Pero cando o planeta se miraba coma unha entidade única cuns límites que non se debían sobardar se queríamos seguir existindo como civilización, o problema deses entes microscópicos (resístome a chamarlle "seres") cunha fabulosa capacidade de replicación e contaxio non entraba certamente na lista das prioridades. Á vista do sucedido, coido que pecamos de desorientación cando analizabamos a Nai Terra con esta perspectiva globalizadora e non acertamos a imaxinar cal ía ser o verdadeiro problema que a desestabilizaría tan fondamente. Certo que as cuestións ambientais e de sostebilidade seguen a ser a medio e longo prazo, retos de primeiro orde pero á vista do que temos diante, teríamos que recoñecer que as urxencias estaban noutro sitio.

Tampouco nos vale considerar esta pandemia coma un problema ambiental ou derivado do cambio climático, ou mesmo, coma un reaxuste xustificado pola hipótese Gaia, como se está a facer desde bastantes ámbitos. A realidade nos di que problemas ambientais como as alteracións dos ecosistemas, a proliferación dos encoros ou as variacións do clima están só detrás dalgúns casos de epidemias emerxentes, pero nunca da maioría e menos da que estamos a sufrir agora. E temos que recoñecelo, aínda que nos custe: os problemas ambientais estritos non entran polo momento dentro das nosas urxencias. A Nai Terra ten hoxe, outras graves preocupacións.

Porén, se consideramos como problemas ambientais, nun sentido amplo, o crecemento exponencial da poboación mundial, sobre todo a concentrada nas cidades, e a expansión imparable dos intercambios aéreos, si que se podería dicir que estas disfuncións, son causa principal do espallamento desta pandemia, así como doutras epidemias anteriores. Os datos do 2015 son bastante elocuentes: máis da metade da poboación mundial está concentrada en cidades superiores aos 500.000 habitantes e 3.000 millóns de pasaxeiros aéreos son transportados ao ano. Pregúntome, se non se está a preparar o campo para que un virus replicante coma poucos, poida chegar de seguido a calquera punto do planeta?

O 22 de abril do ano 2021 se celebrará de novo o Día da Terra cun planeta tentando recompoñer aínda os danos da súa desfeita económica. Cales serán , daquela, as prioridades? Ben seguro que a imaxe que teremos sobre os perigos que asexan a esa Nai maltreita terán mudado moito. Obrigatoriamente seguirán os temas ambientais na axenda das prioridades, pero tamén, ao seu par ou quizais por diante, aparezan outros relacionados coa saúde humana. E non sería difícil que nesa dialéctica permanente entre os dereitos da natureza e as singularidades do home, a balanza se incline desta volta algo máis cara ese HOME que os últimos acontecementos, están amosando que é bastante máis fráxil do que o noso orgullo tecnocrático nos facía case imposible imaxinar. E nese novo Día da Terra lembraríamos, unha vez máis, a sentenza da Liturxia das Horas: "Que o home, Señor, non che obrigue a te arrepentires de lle ter dado un día as chaves da terra".