08 de mayo de 2020
08.05.2020
La Opinión de A Coruña
TESTIMONIOS CORNIDE

O desafío da Covid-19 para o mundo da ciencia

08.05.2020 | 00:54
Un sanitario do Hospital da Coruña, nunha carpa para realizar test do coronavirus.

Foi en decembro de 2019 cando na cidade de Wuhan, en China, reportouse o primeiro caso de coronavirus SARS-CoV-2. Aínda que este virus gardaba grandes semellanzas coa aparición do MERS no 2012 ou o SARS a principios dos 2000, xa que todos pertencen a familia dos beta-coronavirus e proveñen dos morcegos, pronto descubriríamos que o transcurso desta enfermidade sería moi diferente.

O SARS-CoV-2 causou grandes estragos en China cun rápido e elevado número de contaxios invadindo o país a gran velocidade. Aínda que este virus parecía ser algo afastado das nosas vidas, no mundo actual no que vivimos, onde todo está conectado e as viaxes entre países son incesantes, pronto o virus escorreríase a outros países, continentes, e sen tempo de asimilalo, o virus converteríase nunha pandemia, recordándonos á gripe que azoutou o noso mundo en 1918 causando a morte de cerca de 50 millóns de persoas.

É difícil atallar un problema cando o inimigo é unha pantasma invisíbel, de natureza sibilina, que en moitas ocasións non presenta síntomas e pode vir da man dun familiar, dun amigo ou dun compañeiro. Este contaxioso virus non entende de tempos e cada día as noticias sobre a súa expansión bombardean os nosos teléfonos intelixentes, televisores e ordenadores. Fíxose necesario tomar medidas drásticas e, en cuestión de días, todo o noso mundo reduciuse ás paredes da nosa casa, cambiando as nosas maneiras de comportarnos e relacionarnos. Ao noso arredor todo converteríase en distanciamento social, leccións de como lavar as mans, aprender a usar guantes e máscaras, corentena, coronavirus, tele-traballo... e as actividades permitidas restrinxiríanse a só as estritamente necesarias. O mundo cambiou, e nós con el, o simple feito de tocar un produto no supermercado deixaría de ser tan simple polo medo a contaminarnos, o uso de máscaras comezou a verse como algo normal... Toda esta situación fíxonos sentir como se estivésemos a vivir nunha película de Netflix, pero, a realidade sempre supera a ficción, e o mundo non estaba preparado para isto.

Nun caso de emerxencia sanitaria como esta, é cando se valora e esixe a partes iguais a eses heroes sen capa pero con bata. Axiña se habilitaron grandes espazos para o tratamento dos enfermos; doutores e enfermeiros pasaron a traballar incontables horas para cubrir as necesidades que se brindaban e os científicos envorcaríanse coa causa para axudar a facer todas as probas de detección do virus posíbeis en colaboración cos hospitais. Así mesmo, iniciáronse multitude de proxectos de investigación por todo o mundo co obxectivo de aportar información sobre o proceso de infección, o deseño de vacinas ou a procura de novas estratexias contra este "virus do desconcerto" que pasa desapercibido nuns e causa estragos e incluso a morte noutros espertando gran curiosidade e interese entre os científicos. A presión posta no descubrimento dun tratamento é moi alta pero non podemos deixar de lado as infeccións bacterianas secundarias. Cando a infección vírica toma lugar, as nosas defensas vense debilitadas favorecendo a aparición dunha infección bacteriana. Recentes estudos demostraron que un de cada sete pacientes de SARS-CoV-2 en Wuhan padecen este tipo de infeccións xogando un novo papel a favor do virus e dificultando o tratamento dos enfermos.

Dende o noso grupo de investigación na Universidade de Pensilvania quixemos aportar o noso granito de area nesta batalla, e con moita ilusión comezáronse distintos proxectos que teñen como obxectivo o deseño de novos métodos de detección e posíbeis tratamentos indo dende a bioloxía sintética ata o emprego de ferramentas computacionais. Co fin de proporcionar un traballo máis completo e poder chegar a un ben común establecéronse colaboracións con outros grupos de investigación expertos no estudio do coronavirus. O apoio tanto destes grupos como da universidade e de distintas institucións fainos sentir que non estamos sós nesta loita e que con axuda de moitos poderemos chegar a gañar esta batalla.

Nunha situación tan complicada gústanos pensar en aspectos positivos e, como ben di o refrán, "non hai mal que por ben non veña". Ata agora, o virus levouse consigo cerca de 250.000 persoas entre as que están amigos, avós ou persoas que coñecemos e que sempre levaremos connosco. Está claro que esta pandemia marcará un antes e un despois na nosa vida persoal e na sociedade; así mesmo, agora máis que nunca valorase o traballo do persoal sanitario e científico, demostrando que a sanidade e a educación nunca deberían sufrir recortes. A corentena brindounos dese tempo para parar e poder facer todo iso para o que nunca atopamos o momento, axudou a reducir a contaminación e sobre todo permitiunos aprender e tomar conciencia de que somos vulnerables a estes riscos biolóxicos que poden volver a ocorrer nun futuro. En canto á ciencia, este é un gran reto que require de gran creatividade e enxeño para o deseño de novas ferramentas, experimentos e estratexias, o que de seguro aportará grandes avances de cara ao futuro.

*Lucía Ageitos Castiñeiras é estudante de doutorado da Universidade da Coruña, bolseira da axuda para estudantes predoutorais da Xunta e na actualidade fai a súa estancia predoutoral na Universidade de Pensilvania. César de la Fuente Núñez é catedrático de Bioenxeñaría, Microbioloxía y Psiquiatría da Universidade de Pensilvania. Este artigo forma parte do blog Cornide-Testemuñas creado polo Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses durante esta pandemia: 'institutocornide.blogspot.com'

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.