Nestes días de confinamento, a enxurrada de informacións que nos están a chegar seguro que motivaron en nós moitas máis dúbidas e inseguridades que certezas. As medidas preventivas e de protección que estamos a poñer en práctica abondan para impedir a entrada do virus? Como se comportará fronte a calor do verán que está por vir? A saída á rúa será perigosa? Cando se terá unha menciña eficaz e segura? Son, posiblemente, algunha das preguntas que o noso sentido común nos suxire e que directa ou indirectamente todos nos estamos a formular.

As respotas seguras e de confianza agardamos que nos veñan, máis que dos políticos, do mundo da ciencia. Pero? que ciencia? A epidemioloxía, a viroloxía, a farmacoloxía, a economía, a socioloxía?? Posiblemente, todas teñan algo que achegar, pero, ao meu entender, só a primeira delas -a epidemioloxía- é a que posúe esa visión global e integradora que precisarían este tipo de accións e que, polo tanto, debería actuar como a disciplina directriz que orientase o conxunto de todas as demáis. É unha ciencia nova que ten algunhas características moi particulares que estimo que se deberían coñecer e que posiblemente axuden a entender mellor algunhas das decisións que se foron tomando nestes días.

Deixando aparte os antecedentes remotos da epidemioloxía, que nos levarían ata os mesmos gregos, poderiamos falar dela como ciencia desde mediados do XIX, cos traballos de Snow en Londres na procura dunha causa á epidemia de cólera que estaban a padecer. A orixe pensábase que procedía dunhas entidades misteriosas chamadas miasmas que andaban polo aire e das que se descoñecía casi todo. Polo tanto, descoñecíase a causa. O médico inglés abordou o problema doutro xeito: localizou sobre un plano da cidade os casos de cólera e atopou que se concentraban no contorno dunha fonte pública, polo que deduciu, con boa lóxica, que estaba na auga a orixe da epidemia. Descoñecía a causa última, pero sabía que se transmitían por ese medio, polo que coas medidas oportunas de saneamento e prevención se poido comezar a frear a epidemia.

A finais do século XIX co descubrimento dos microbios como orixe das enfermidades, por Pasteur e Koch, atopábase, ao fin, unha causa das doenzas infecciosas, que reorientou a epidemioloxía cara a loita contra estes tan evidentes inimigos. Coa aparición da penicilina despois da Segunda Guerra Mundial e o resto dos antibióticos que foron xurdindo, os epidemiólogos ocupáronse moi activamente de organizar campañas de loita con estes novos medios, esquecendo en parte o enfoque poboacional dos seus comezos.

Pero ao tempo que as doenzas infecciosas se ían dobregando, o cancro comezou a manifestarse como o gran reto da medicina. Cunha orixe múltiple e unha etioloxía difícil de entender, os estudos poboacionais volveron a mirarse como un posible guieiro na procura de solucións para esa loita casi cega contra unha doenza que estaba a incidir perigosamente en poboacións de mediana idade e, sobre todo, do mundo occidental. O primeiro éxito chegou en 1950 coa asociación que se estableceu entre os fumadores e o cancro de pulmón, que reforzada con novos estudos poboacionais e os achados a nivel de laboratorio de substancias cancroxénicas asociadas ao tabaco, deu orixe ás primeiras medidas restrictivas.

As industrias tabaqueiras reaccionaron axiña, promovendo estudos que poñían en cuestión a solvencia dos propios métodos de traballo e, mesmo, a propia epidemioloxía como ciencia. Sobre todo, poñían en dúbida os estudos poboacionais que estaban a utilizar métodos propios das ciencias sociais, consideradas daquela como disciplinas "febles" que non tiñan nada que ver coa garantía de certeza que ofrecían os estudos experimentais a escala clínica ou de laboratorio, dependentes dos métodos de ciencias "duras" como a química ou, sobre todo, a bioloxía molecular, que xa estaba a emerxer como disciplina de futuro.

A década dos noventa do XX, na que se centrou esta controversia, foron anos extraordinariamente produtivos para a definición da epidemioloxía como ciencia. Houbo numerosos traballos sobre epistemoloxía e mesmo filosofía desta disciplina que, en xeral, ofreceron unha reflexión colectiva profunda sobre seus métodos e logros; aínda que tamén sobre seus límites. Todo o cal serviu para establecer as bases científicas desta nova e complexa disciplina, que, no seu conxunto, pódense considerar plenamente vixentes na actualidade.

Deles, pódese concluir que a epidemioloxía é unha ciencia que integra conceptos é métodos procedentes como mínimo de tres niveis de estudo: poboacional, con moitos métodos procedentes das ciencias sociais (socioloxía, economía, historia, etc); individual, con métodos propios da medicina como son os ensaios clínicos, con achegas puntuais da psicoloxia e ciencias do comportamento, polo tanto, tamén en parte, sociais; e microbiolóxico-molecular, con todalas garantías de control dos factores e resultados que ofrecen os ensaios de laboratorio.

Todolos niveis son necesarios e deben integrarse nun corpo único de coñecementos e actividades, polo que sería igualmente inaxeitado quitar conclusiones de ámbito poboacional considerando só os resultados do laboratorio, nun claro reducionismo, como planificar estudos para grupos amplos de individuos sen ter en conta os coñecementos sobre a etioloxía das enfermidades procedentes dos ensaios clínicos ou de laboratorio.

A epidemioloxía é, pois, tanto unha ciencia social como biolóxica, que ofrece resultados con diferente grao de certeza segundo predomiñen neles a compoñente social ou biolóxica. As disciplinas sociais xa ningúen dúbida que cumplen as condicións que definen as actividades científicas pois parten de realidades cuantificables, xeran hipótesis e, ao final, poden ser perfectamente avaliadas. De todas maneiras, tendo en conta que o obxecto do seu estudo, as sociedades humanas, son entidades moi complexas, variables e, sobre todo, inestables no tempo, o seu grao de certeza é inevitablemente menor que no caso das teorías que proveñen por exemplo dos estudos de laboratorio. Non é que sexan menos ciencia que as outras, ocorre simplemente que seus métodos e ámbito de estudo, son outros, e non poden ofrecer máis evidencias.

Diante destas características da epidemiolóxía, non tería tampouco que sorprendernos nin alarmarnos, que normas emanadas desta ciencia como son as que afectan ao desconfinamento poideran ser rectificadas sobre á marcha. Despois de todo, moitos métodos das ciencias sociais actúan fundamentalmente mediante o procesos de ensaio-erro-novo ensaio, e onde nun determinado momento se afirma unha cousa (pódese sair das casas) no seguinte, se os resultados o aconsellan, podería indicar a contraria (volver ao confinamento).

De todas maneiras, o que si é certo é que ademáis de aprender a convivir por bastante tempo con este virus ou outros semellantes, tamén é necesario, como xa advertiu Xosé A. Fraga, nos comezos deste blog do Cornide, que tanto máis necesario é aceptar o final das certezas. Ao mellor, nunca existiron, e todo foi unha ilusión do ser humano que sempre procurou no absoluto (neste caso en forma de ciencia e técnica) a solución dos seus históricos males.

Este artigo forma parte do blog Cornide-Testemuñas creado polo Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses durante esta pandemia: 'institutocornide.blogspot.com'