Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día Grande das Letras Galegas. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 impulsada pola Xunta, moitos deles, reformulados e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en internet e nas redes sociais. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto para a súa consulta e descarga de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.

Entre eles, atópase o web Carvalho Calero 2020, impulsado pola Agal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración.

Desde este web e tamén desde o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde a semana vindeira e en formato dixital os materiais do o proxecto expositivo A voz presente, promovido pola Agal en colaboración coa Xunta e baixo xestión e produción de Ouvirmos, para difundir a dimensión artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e reivindicar e resituar a súa figura e o seu legado.