A pandemia da Covid-19 obrigou a adiar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar en Ferrol o 31 de outubro cadrando co 110 aniversario do seu protagonista, pero a celebración do Día das Letras Galegas proxéctase con forza ao espazo virtual. A Real Academia Galega (RAG) está a ofrecer contidos diversos a través da Rede pensados para achegar de xeito ameno a figura e a obra do homenaxeado ao público de todas as idades. Os pequenos e pequenas da casa dispoñen de propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que dende comezos do mes de maio bate récords, duplicando o número de páxinas vistas e cun incremento por riba do 185% no número de usuarios.

A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais Unha palabra para don Ricardo, un produto feito dende o confinamento que se suma a outros como a serie de entrevistas dixitais que a institución está a publicar na sección que lle dedica a Carvalho Calero na súa web principal, academia.gal. Nesta mesma fiestra dixital, o académico Henrique Monteagudo asina a biografía do homenaxeado que percorre os principais momentos e títulos da súa traxectoria.

O pleno da institución académica acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2020 a Ricardo Carvalho Calero. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da RAG, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

No ámbito académico, no seu legado destaca a Historia da literatura galega contemporánea (1963) e a Gramática elemental del gallego común (1966), manuais imprescindibles para varias xeracións de estudantes de lingua e literatura galegas. Na creación literaria, Carvalho Calero sentiuse ante todo poeta. O seu primeiro poemario en galego , Vieiros, saíu do prelo en 1931 e o último, Reticências? (1986-1989) veu a lume postumamente, en 1990. Foi tamén autor de obras teatrais e como narrador asinou, entre outras pezas, a primeira novela en galego da posguerra, A xente da Barreira (1951), gañadora do premio convocado por Bibliófilos Gallegos, e a novela Scórpio, Premio da Crítica de 1987.

Contidos para os nenos

A web Primavera das Letras naceu no ano 2016, coa celebración das Letras Galegas de Manuel María, e dende entón a súa audiencia medra ano a ano. Pero en pleno confinamento e coas escolas pechadas, reforzouse como espazo de referencia para o público infantil, cun incremento dende comezos de maio, con respecto ao mesmo período do ano anterior, por riba do 185% no número de usuarios e do 102% nas páxinas vistas, unhas 85.000 nos once primeiros días do mes. Materiais para colorear para os nenos e nenas de menor idade, contidos descargables -tamén con ilustracións orixinais- sobre a vida, a obra de creación literaria de Carvalho Calero ou o seu labor como filólogo son parte dunha oferta que se completa con propostas interactivas centradas na súa paixón polo teatro e a ópera, a súa poesía ou espazos vitais do autor como Ferrol e Lugo.

Micropezas audiovisuais

A sección das Letras Galegas de academia.gal é a fiestra dende a cal a RAG reúne diversos contidos dirixidos a un público de máis idade, dende o xuvenil ao adulto. O espazo acubilla a serie de micropezas audiovisuais Unha palabra para don Ricardo (tamén dispoñibles na canle de Youtube da Academia). Cada participante -membros da institución e personalidades que trataron e estudaron a Carvalho Calero como Araceli Herrero, Pilar García Negro ou José Luís Rodríguez- elixe unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado ou que retrata un trazo persoal, unha faceta ou unha obra do autor que valora especialmente. Compromiso, galego cabal, poeta, filólogo, galeguista, soñador, lingua, gramática, orador ou independente son algúns dos termos a través dos cales van debuxando un retrato colectivo que inclúe nalgúns casos a lectura de poemas ou textos de referencia do autor.

"Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos", salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que realizará unha achega especial o propio 17 de maio.