O Día das Letras Galegas que celébrase hoxe é, sen dúbida, o máis atípico da súa historia, debido á crise sanitaria do coronavirus. A súa conmemoración, sen embargo, mantense viva a través dunha serie de alternativas promovidas por cidadáns, institucións e entidades na rede, que lembran a figura do homenaxeado deste ano, o polígrafo e escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, autor, entre outras obras, de Historia da literatura galega contemporánea.

A pandemia do Covid-19 obrigou a suspender ou aprazar numerosos actos, entre eles, o tradicional pleno da Real Academia Galega (RAG), que se celebrará o 31 de outubro, no teatro Jofre de Ferrol, e o concerto do Consello da Cultura Galega (CCG), que será o día 30 dese mesmo mes.

Ante a situación de emerxencia, colectivos como a Mesa de Normalización Lingüística e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) solicitaron formalmente á RAG que o Día das Letras Galegas de 2021 se adique de novo a Carvalho Calero. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, anunciou o pasado xoves que a Xunta apoiará prolongar o ano Carvalho Calero ata o 2021 se a RAG así o decide. Onte mesmo o presidente da entidade, Víctor Fe. Freixanes, recoñecía que é algo que teñen que valorar e que non están "pechados" a nada.

Mentres, a Academia decidiu aproveitar a fase de desescalada na que se atopa Galicia para renderlle tributo hoxe cunha sinxela ofrenda floral ante a casa que tiña o escritor en Carreira do Conde, en Santiago, cumprindo coas medidas de seguridade decretadas polo Goberno. O acto contará coa presenza de Víctor Freixanes e Margarita Ledo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e Antonio López, reitor da USC. Ferrol, municipio natal de Carvalho Calero, tamén fará un pequeno acto simbólico na praza de Armas, despregando unha lona coa imaxe do polígrafo.

Así mesmo, hoxe, unha pequena representación da plataforma Queremos Galego, cumprindo as normas de seguridade, realizará unha ofrenda floral ante a estatua de Ricardo Carvalho Calero en Santiago, onde se lerá o manifesto adicado ao homenaxeado e asinado pola escritora Pilar García Negro. Ademais a plataforma insta a encher as fiestras en balcóns con mensaxes a prol da lingua galega.

A publicación do libro Unha derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero, no se que se analiza a figura do autor homenaxeado, tamén fíxose coincidir co Día das Letras.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega difunde na súa web a edición facsimilar de Farsa das zocas, unha pequena peza teatral de Carvalho Calero, xunto a unha lectura dramatizada a cargo de Perico Asorey, Melania Cruz e María Vázquez.

A Cidade da Cultura tamén impulsou unha lectura coral en liña de textos do profesor. Ademais, as bibliotecas públicas galegas ofrecerán actividades e exposicións na rede para compensar as restricións pola crise sanitaria. A Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña difundirá unha guía de lectura sobre o escritor ferrolán e outra sobre a súa vida e obra, que será obxecto de concursos e accións nas redes.

Dende a diáspora, o festival Festival Kerouac, en colaboración coa Secretaría de Política Lingüística, homenaxeará ó autor cun intercambio artístico de nove artistas, entre poetas, músicos e xestores culturais neoirquinos e de Galicia, que poderase ver ás 18.00 horas (hora local) polo seu perfil de Facebook.

Una das iniciativas máis completas vén da man da colaboración entre AGAL e a Xunta. A web Carvalho2020.gal recolle a versión dixital da mostra A voz presente, que repasa a dimensión artística, humana e lingüística do intelectual. Unha mostra que tamén se preparou para poder ser presencial se a pandemia, que mudou o modo de celebrar as Letras Galegas, o permite nos vindeiros meses.