A pandemia do coronavirus pode ser tan só un paréntese na vida cotiá de millóns de persoas ou converterse nun revulsivo para cambiar a nivel individual ou como sociedade. Expertos en Psicoloxía e Socioloxía galegos amósanse pouco optimistas con que a crise sanitaria sirva para modificar a escala de valores ou as prioridades da poboación -salvo que perdure moito máis no tempo-, pero coinciden en que a xeración que está a vivir esta pandemia quedará marcada, especialmente pola crise económica derivada da sanitaria que levará á inestabilidade laboral e a que moitos teñan que reformularse a vida imaxinada. Ademais, resaltan que cómpre aproveitar este momento para reforzar os aspectos que amosaron estar máis debilitados durante a pandemia coma o sistema de coidados e atención os mais vulnerables, volver apostar polo local e fomentar a cooperación e colaboración da sociedade para saír xuntos disto.

O pasar case dous meses confinados na casa sen poder ver á familia, ós amigos e limitando o ocio as catro paredes do fogar, fixo que unha gran maioría decatárase da importancia de poder tomar café coa súa nai cando quere, de falar cara a cara cos amigos ou de saír a pasear sen límites nin horarios. As pequenas cousas gañan terreo e os grandes obxectivos ou preocupacións que antes ocupaban gran parte do tempo parecen agora cuestións banais. A maioría de expertos creen que este cambio nas prioridades é algo momentáneo aínda que hai diferencia de opinións.

"A corto prazo hai cambios importantes pero que se manteñan dependerá do tempo que dure esta situación e da crise económica e as medidas tome o Goberno ó respecto, no só do Covid-19", sinala a decana da facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC), Raquel Martínez Buján. Unha opinión que comparte a profesora do centro Belén Fernández Suárez: "Os cambios profundos chegarán se isto perdura no tempo". "É moi difícil modificar comportamentos e crenzas. O ser humano sempre mantén certa consistencia cognitiva e pese a que en momentos puntuais pode haber cambios, son moi lentos e aínda non houbo tempo suficiente. Se dentro dun mes a xente vai traballar e volve á normalidade, todo volverá ó de sempre pouco a pouco", engade o catedrático de Psicoloxía Social na Universidade de Santiago (USC) José Manuel Sabucedo.

Na mesma liña, o psicólogo José Eduardo Rodríguez -membro do Colexio de Psicoloxía de Galicia- ten claro que o vivido nestes meses apenas cambiará a escala de valores da maioría da xente. "É un discurso moi común en persoas que atravesaron unha enfermidade grave e pode que a xente que atravesase unha situación difícil estes días si o faga, pero o resto volverá o de antes cando a situación se normalice. Non creo que haxa un cambio macrosocial", asegura. Moito máis optimista e a profesora de Socioloxía da USC Mar de Santiago. "Confío en que este tsunami en forma de virus non pode deixar indiferente a ninguén. Sexa por pinguiñas ou en treboada, estamos a reflexionar sobre a nosa sociedade e sobre nós mesmos: dende as eivas ou andazos no sistema produtivo, sanitario e educativo ata sobre dereitos sociais ou a precariedade. A sensación de sabernos vulnerables ante a pandemia creo que traerá cambios", asegura.

Máis aló da mentalidade da poboación, a pandemia obriga a cambiar certos rituais propios da nosa cultura como saudar dando a man o despedirse con dous bicos. Hábitos que para os expertos volverán co paso do tempo. "Todo o que ten que ver cos protocolos de infeccións ou a preocupación pola seguridade en actividades plagadas de xente vai quedar, pero cousas como os saúdos volverán porque forman parte da nosa cultura expresiva e son algo positivo que fan a xente sentirse máis cercana", indica Belén Fernández. E mentres, Raquel Martínez avoga por "humanizar" as nosas relacións. "Parece que con a mascarilla e co temor a ter contacto cos demais estamos a deshumanizarnos", alerta.

No que si coinciden os expertos consultados e que a xeración que viviu esta pandemia, especialmente os mais novos, non esquecerá facilmente o ocorrido. "Isto vai marcar, é algo histórico sen precedentes. Non quere dicir que deixe secuelas pero está claro que os nenos cando sexan maiores recordarán ese ano no que deixaron de ir o colexio", indica Martínez. "Semella lóxico que a pandemia vai marcar á cidadanía que transitou polo século XX cara ao novo; máis si é certo que probablemente non o esteamos a vivir, nin asimilar de igual xeito que as xeracións nadas xa neste século XXI", engade Mar de Santiago. Para Belén Fernández a xeración de mozos que afrontaron a crise económica do 2008 e asómanse agora a unha nova son os que o terán mais complicado. "Esta nova crise supón nova incertidume para o seu futuro, hai inestabilidade, rómpese coas clases medias e isto condicionará os plans de vida desde as prioridades, a consolidación de relacións ou mesmo a decisión de ter fillos", asegura.

Pese a incertidume polo futuro, sociólogos e psicólogos creen que de esta situación a sociedade pode saír reforzada e cambiar certas estruturas. "Creo que un reforzo é o feito de saber que xuntos podemos saír, o propio valor do colectivo por riba do individual; pero sobre todo repensar ou reformular moito do que temos, do que damos por feito e das propias dinámicas e inercias que nos teñen mergullados nunha sociedade consumista, individualista, estresada, devorada polo tempo. Saber que outra estrutura produtiva é posible, e unha produtividade acorde cos novos tempos na que hai que ver horarios, conciliación, o teletraballo...", di Mar de Santiago. "O feito de que a economía vaia estar afectada vai supoñer cambios na mobilidade, no viaxar e mesmo no formulación do mundo, esta nova realidade pode servir para frear o proceso de globalización e darlle novo valor ó local, ó comercio de proximidade, ós veciños", indica Belén Fernández. Unha idea que comparte Raquel Martínez. "Os momentos de crise poden ser unha oportunidade para os cambios. Xa hai voces que din que que non queren volver a normalidade de de antes con présas, é o momento de reflexionar e reconstruír. Facer unha nova reorganización social máis sostible como o concepto de cidades 15 minutos, é dicir, nas que podes atopar todo o necesario nese tempo, sen desprazarte máis aló. Ademais pode ser unha oportunidade para un sistema de benestar público máis equitativo", engade. "Pode ser un bo punto de inflexión para recuncar na atención aos máis vulnerables, aos invisibles da sociedade: os nosos maiores, as mulleres, as persoas en risco de exclusión social", asegura Mar de Santiago.

E nesta nova sociedade postpandemia é clave, segundo os expertos, a cooperación de todos. O que se amosou durante o confinamento -todos na casa polo ben en común da colectividade- non poder quedar no esquecemento. "Ademais da crise sanitaria haberá un contexto económico moi complicado no que poden entrar en conflito dúas pulsións humanas a de 'sálvase quen poida' e a de cooperar. Se non hai colaboración haberá crispación social, mais violencia, etc... Hai que deixar claro o mensaxe de que 'para que a min me vaia ben, debe irlle ós demais'. Nós somos os que debuxamos o noso futuro e para saír de isto precísase a cooperación", asegura José Manuel Sabucedo a quen non lle gusta dicir que a pandemia ten cousas positivas. "Pode que aprenderamos algo pero mellor aprendelo doutra forma", indica.

Pero se hai que quedarse con algo, os sociólogos consultados creen que si pode vérselle unha cara boa a pandemia pese a todo o negativo que conlevou. "Para min o mais positivo foi a solidariedade interxeracional", indica Belén Fernández. tamén destaca a solidariedade emerxida neste meses Raquel Martínez. "Incluso Google dixo que "axudar a" foi das procuras máis realizadas e iso é moi bonito", lembra. Tamén coas "redes de colaboración, os voluntarios e o valor do colectivo e comunitario" quédase De Santiago, quen destaca o feito de "aprender a xestionar a incertidume" e a gran capacidade de "adaptación" que xurde en situacións coma esta. Unha pandemia que, nalgunhas cousas, marcará un antes e un despois.