A Real Academia Galega (RAG) celebrou onte o Día das Letras que este ano adica a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago, 1990) cunha homenaxe ao pé do que foi o seu fogar en Compostela, na rúa Carreira do Conde. O acto consistiu nunha sinxela ofrenda floral debido ao estado de alarma declarado pola pandemia de coronavirus, que obrigou a adiar ata outubro o pleno extraordinario da RAG do 17 de maio que ía ter lugar en Ferrol, a localidade natal do homenaxeado.

Noutra situación, a RAG estaría onte na cidade de Ferrol celebrando na súa lembranza o tradicional acto académico do 17 de maio, recordou Víctor F. Freixanes. "Mais os tempos e as circunstancias obrígannos a actuacións extraordinarias. Agardemos que, con máis acougo, poidamos celebrar o noso pleno extraordinario o 31 de outono próximo, coincidindo co 110 aniversario de don Ricardo, que naceu o mesmo ano en que apareceu no ceo o cometa Halley", expresou en referencia a un dos poemas do escritor, filólogo e profesor, Halley: 1910-1987.

A académica Margarita Ledo deulle voz a outro poema no que Carvalho Calero volveu recorrer ao cometa Halley para trazar un retrato da súa xeración, o adicado ao seu irmán Álvaro Cunqueiro en 1980, o mesmo ano en que o catedrático lle deu a benvida ao escritor de Mondoñedo na USC como doutor honoris causa. "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja ou dixeches, / namentres nós naciamos. / E o cometa Halley brillaba non ceu, / e Tolstoy apagábase cando nós nacémos (...). A principios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século", recitou Ledo.

Á ofrenda floral asistiron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo Ansorena; e Antonio López, reitor da Universidade de Santiago, institución na que Carvalho Calero se converteu en 1972 no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega en Galicia, sete anos despois de inaugurar as clases de galego na daquela única universidade galega. A homenaxe rematou coa interpretación do Himno Galego coa compaña de Susana Seivane á gaita.

O Concello de Ferrol tamén quixo facer a súa homenaxe o autor cun pequeno acto no que se desplegou unha imaxe súa na fachada do consistorio e no que o alcalde, Ángel Mato, aproveitou para solicitar que o ano que ven tamén se lle adique a Carvalho Calero esta data. Pola súa banda, a plataforma Queremos Galego -que normalmente convoca unha marcha en defensa da lingua neste día- fixo unha ofrenda floral xunto a estatua do autor en Santiago, na que reivindicou que o galego "estea en todo e para todo".

Así mesmo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo lembrar na celebración do Día das Letras Galegas que "o que une a todos os galegos, non é outra cousa que a lingua". "A lingua galega foi capaz de resolver longas noites de pedra, períodos escuros da historia" porque "é o elemento que máis nos une e identifica no concerto de todos os pobos do mundo". Gonzalo Caballero (PSdeG), avogou por "impulsar e promover" o galego para acabar coa "discriminación" que sofre e que poida ser usado "con normalidade no ámbito público e privado". A líder do BNG, Ana Pontón destacou a valía de "ter unha lingua propia", que é "síntoma de riqueza e orgullo", aínda que estea en "situación de emerxencia.