O premio á traxectoria foi para unha desas asociacións que fai un labor importante na difusión do noso rico folclore e na divulgación da cultura tradicional galega. Se anteriormente lograra ese galardón a agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, nesta ocasión é a lucense Cántigas e Frores a que logrou o beneplácito dos membros do xurado.

Esta asociación cultural foi creada no ano 1948 como resultado da unión das agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos. Ambas agrupacións proviñan da escisión do Orfeón Galego, que dirixía o mestre Xoán Montes.

Nos anos setenta puxeron en funcionamento as escolas de gaita, percusión e baile, que se manteñen na actualidade, ás que foron engadindo outras como canto tradicional, acordeón, violín, zanfona, linguaxe musical e confección de traxes tradicionais para ofrecer un amplo abano de propostas ás persoas interesadas, nas que contan cun profesorado de categoría para transmitir os seus coñecementos. Anualmente teñen arredor de 300 alumnos inscritos. Ao longo da súa historia participaron en diferentes festivais e chegaron a actuar en Europa, Asia e América. Eles mesmos organizan festivais que contan con moita tradición en Lugo.

Hai dous anos editaron un libro-cd para conmemorar os seus setenta anos de vida, no que chama moito a atención que non haxa logotipo ningún dalgunha institución pública que apoiase a publicación, e nesa obra incluíron quince temas que serven para amosar as diferentes facetas musicais nas que traballan. Dese xeito aparecen como protagonistas os grupos de cantareiras e cantareiros, a murga, o coro galego e a banda de gaitas e percusión, que dan unha boa medida do labor que está a desenvolver Cántigas e Frores na cidade de Lugo, un referente musical que ve como o PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira recoñece os seus méritos.