A data para a gala dos premios organizados por LA OPINIÓN estaba prevista para finais de maio, mais a Covid-19 provocou o seu aprazamento ata o 29 de setembro. Ese día os amantes da música de raíz terán ocasión de contemplar no teatro Rosalía unha nova edición dos galardóns, que dende hai dezanove anos decidiron pór en valor o potencial dos nosos artistas premiando o seu bo facer con estes premios anuais.

A cerimonia de entrega converteuse nunha xornada na que poder gozar con actuacións novidosas e nesta edición as propostas van por ese vieiro. Principiará a gala cos sons do trío Quinta San Vitorio, un proxecto ideado polo inquedo Pedro Lamas, quen toca saxo e gaita, para o que contou coa acordeonista Sabela Caamaño e a cantante portuguesa Sofia Adriana Portugal. En Galicia só realizaron un concerto no festival de Guísamo do ano pasado, polo que esta será a segunda vez que pisen os nosos escenarios. Traerán unha proposta que recupera pezas que contan con ligazóns ao concello de Bergondo.

Na anterior edición naceu o premio á mellor adaptación dunha peza tradicional galega e as que inauguraron ese palmarés foron o dúo Vudú co fermoso tema Moreniña. Esa canción é unha das que soará no escenario do Rosalía. Para esta gala haberá unha colaboración especial que se viu pouco polos escenarios. Belém Tajes, unha das integrantes de Vudú, virá acompañada polo trío Lilaina para interpretar temas que lle dan unha volta á tradición contando cunhas das voces femininas máis poderosas no terreo do tradi, que tamén tocan diversas percusións. Lilaina son tres mulleres de Miño da familia Montero (Alejandra, María e Andrea) que coinciden cantando con Tajes, que virá acompañada do seu inseparable teclado, no proxecto de Aliboria, co que xa actuaron na gala hai catro anos.

Despois de entregar os catro premios da noite aos gañadores ou gañadoras da mellor peza orixinal e adaptada dun tema tradicional, ao mellor artista e ao disco que o xurado decidiu que fose o máis sobranceiro do ano, chegará o concerto que pon o remate á cerimonia. Se os dous proxectos que comezaban musicalmente a gala eran case unha estrea, o que porá o punto final á noite si que é unha completa novidade. O cuarteto Caramuxo xa sabe o que é gañar un PREMIO OPINIÓN. Conseguírono cando aínda existía o antigo formato, no que se premiaba aos tres mellores discos do ano. Na novena edición empataron no segundo lugar con Nova Galega de Danza. Foi a primeira vez que houbo un empate despois do reconto das votacións do xurado.

Eles tamén saben o que é actuar nunha gala, xa que foron uns dos artistas que renderon homenaxe a Milladoiro polo seu trinta aniversario na gala de 2009, da que se editou o cedé Perspectivas, que se deu de balde co xornal grazas ao apoio dado pola Xunta para a publicación da obra. Ese álbum recollía as versións de temas gravados por Milladoiro ao longo da súa andaina que realizaron os artistas participantes no tributo á histórica banda. Agora non só farán unha peza, senón que presentarán en exclusiva varios temas do que vai ser o seu vindeiro álbum, o terceiro na súa traxectoria. O grupo deuse a coñecer cando venceron no concurso Cancioneiros, organizado pola Fundación Barrié, o que lles valeu para gravar a súa ópera prima. A banda caracterízase polo son dos diferentes clarinetes que tocan algúns dos seus compoñentes, aos que engaden acordeón e percusións para completar a estrutura sonora da formación. Outra peculiaridade distintiva do conxunto é o seu coidado na posta en escena, para o que resultou importante o que aprenderon no traballo que realizaron hai anos nun espectáculo teatral co actor Avelino González. É posible que para esa actuación que remata a celebración haxa unha sorpresa e os Caramuxo conten cunha colaboración especial, que suporía tamén a estrea oficial dun repertorio novo, mais é preciso esperar para sabelo por unha cuestión de datas de posibles concertos da artista á que poderían convidar a compartir escenario.