As medidas sanitarias provocadas pola pandemia tamén afectaron á gala de entrega dos galardóns da XIX edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz, que quedara adiada uns meses atrás, como sucedeu cunha morea de acontecementos culturais. A redución no aforo do Teatro Rosalía de Castro provocou que se decidise realizar un streaming da cerimonia para que as persoas que non poidan asistir, por mor da limitación de asentos, teñan a posibilidade de contemplar o evento en directo a través da páxina web de LA OPINIÓN.

A cita festiva anual para os amantes da música de raíz está fixada para o martes 29 de setembro ás 20.30 horas. No decurso da noite coñeceranse quen son os elixidos polo xurado de xornalistas para cada unha das catro categorías que se entregan nos galardóns. Principiarase por coñecer os gañadores nas categorías de mellor adaptación dunha peza tradicional galega, categoría creada na anterior edición, e mellor tema orixinal. Despois saberase quen obtén o recoñecemento como mellor artista e pechará o reparto coa escolla do álbum máis destacado do ano 2019.

Quen sí saben que recibirán a estatuíña son os membros da asociación lucense Cántigas e Frores, con setenta e dous anos de andaina, posto que foron os escollidos como vencedores na décimo terceira edición do PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira, creado para salientar o labor dunha traxectoria sobranceira.

A gala contará coa actuación de dous grupos, que se deberán colocar en escena ocupando cadansúa metade do escenario para poder cumprir axeitadamente cos protocolos sanitarios.

Abrirá o espectáculo o trío Quinta San Vitorio. Esta formación nace dunha idea xerada pola inqueda cabeza do músico Pedro Lamas. O material co que traballan é moi pouco coñecido e pretenden reivindicalo con este proxecto. As pezas que interpretan foron creadas por autoras do século XIX e XX e as versións realizadas salientan polo bo gusto característico amosado por Lamas, quen toca gaita e saxofón e está acompañado polo acordeón de Sabela Caamaño e a bela voz da cantante lusa Sofia Adriana Portugal, quen tamén toca percusións. O nome da banda provén da Quinta de San Vitorio, ou Casa Cortón, sita na aldea de san Fiz de Vixoi, en Bergondo. Ese lugar foi un referente cultural na súa época grazas ao traballo desenvolvido por unha parella, a formada pola mestra Jacinta Landa e o filósofo Xoán Vicente Viqueira.

Este concerto é practicamente unha estrea, tal como acontecera nunha edición anterior dos premios co grupo de zanfonas 8 rodas, posto que ata o momento só actuaron na vixésima edición do histórico Festival de Guísamo. Polo tanto será unha boa ocasión para escoitar un traballo realizado con material novidoso.

As encargadas de pechar musicalmente a noite son Belém Tajes & Lilaina. Tajes recibiu o ano pasado o premio á mellor adaptación dunha peza tradicional por Moreniña, canción que soará na gala, formando parella coa baixista Maritxinha no dúo Vudú. Era a primeira vez que se concedía ese galardón, que ampliou a listaxe de recoñecementos.

Para esta ocasión vai contar coa colaboración especial para a gala das voces e percusións das Lilaina. O trío de mulleres de Miño está considerado como un referente na música tradicional do país, posto que as súas voces gozan de gran reputación nese eido. As irmáns Montero participaron en diversos proxectos e colaboraron, entre outros, co gaiteiro Carlos Núñez, quen non dubidou en levalas con el nos concertos para ofrecer unha mostra do poderío na interpretación da música tradicional. Elas poñen en escena a raíz máis profunda do noso folclore e esa esencia vaise combinar co teclado e os arranxos elaborados por Tajes, quen ofrece unha perspectiva onde a tradición se dá a man con outros estilos musicais.