"As enquisas realizadas logo do confinamento apuntaban todas á excesiva carga de traballo durante o mesmo: estrés, ansiedade, fatiga mental... Por iso os docentes, logo deste tempo no que todo foi moi rápido e houbo que reaccionar en moi pouco tempo, reivindican o dereito á desconexión", expresou onte no seu obradoiro o profesor da Universidade de Vigo José Carlos López Ardao.

Houbo moitos detalles que non poden volver a acontecer. Por exemplo: o alumnado con necesidades especiais quedou desconectado, non había solucións online nin estratexias preparadas para o contacto diario con estes alumnos e alumnas. "Non pode volver a pasar. Hai que buscar unha solución", expresou Ardao.

No seu obradoiro, titulado "A educación ante o reto en liña do coronavirus", José Carlos López expresou que, segundo unha enquisa da CIG, "o 61% do profesorado tivo problemas para conectar co seu alumnado" nalgún momento do confinamento. "Na universidade a fenda dixital non é tan potente porque practicamente todo o alumnado ten o seu portátil e tamén está máis vinculada ás cidades" (pola ubicación dos campus), aclarou o profesor universitario, que tamén explicou uns detalles sobre a chamada gamificación, unha das materais que ensina no ámbito da educación superior.

Tamén indicou que, segundo datos dun estudio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no ámbito urbano teñen problemas de conexión un 6% do alumnado (normalmente por falta de ordenador) e nun ámbito rural sería un 12%. "Ás pantallas fáltalles a dimensión socializadora. Evidentemente non é o mesmo. O alumnado pérdese máis, tamén é posible que desconecten, é difícil controlar os turnos, cansa moito máis", indicou o docente, que asegurou que, para a próxima vez, "non nos pode coller tan desprevidos". Asegura o docente que o impacto desta "desconexión, desidia, cansazo..." é menor en Primaria: "hai máis tempo para recuperar o que faga falla". En canto se escala máis cara outros niveis o tema complícase, sobre todo tendo en conta que se perdeu practicamente un tercio do curso.

"A universidade pública ten que apostar polo ensino presencial na medida do posible. É absolutamente necesario, pero cando non é posible hai que estar preparados. Debe ser presencial, non fai falla entrar nunha guerra de docencia online", apuntou José Carlos López Ardao na entrevista.

"Eu nunca tantas horas traballei", expresou onte Ardao referíndose á etapa do confinamento. Asegura que ata un 80% ou un 90% incluso dos docentes consultados asegurou que o horario de traballo foi excesivo: 24 horas e sete días á semana. Poñer todo en orde para que a docencia puidese seguir o seu curso foi todo un reto. E dese reto López Ardao sacou onte conclusións, no obradoiro cos docentes (que hoxe repetirá, igual que os compañeiros), para evitar repetir erros.