"Antes de empezar a realizar un proxecto hai que definilo. E para vendelo e que se unan ao noso proxecto é preciso chamar a atención. Por iso eu sempre digo que é bo empezar cunha pregunta: Sabes cantos accidentes houbo nos últimos cinco anos nos pasos de peóns? Por poñer un exemplo, se o noso traballo vai tratar sobre seguridade viaria", expresou María José Soto, profesora de Economía que traballou durante anos con Luz Beloso, profesora de Arte e Audiovisual, en proxectos colaborativos multicompetenciais. E seguirán traballando nesta liña. Por iso cando empezan cun proxecto chaman a atención do alumnado para que se interese por el e se una á causa. Tamén cando se trata dun alumno ou alumna que quere expresar unha idea para unha curtametraxe, por exemplo, as profesoras pídenlle que o explique en tres minutos. "Só teño este tempo para ti, así que tes que convencerme", explicaron Soto e Beloso aos docentes presentes no seu obradoiro de onte (que hoxe repetirán), titulado: "Creatividade e Innovación en Educación a través de Proxectos Colaborativos Multicompetenciais".

O público asistente ao obradoiro de Beloso e Soto recibiron as indicacións das profesoras para deseñar os seus propios proxectos. Pensar nunha idea para levala ás aulas. E conseguir que se involucren máis docentes de xeito que se traballe de xeito integrado coa unión de varias materias. Pero antes puxeron como exemplo algúns dos seus traballos, polos que recibiron numerosos galardóns. Por exemplo, a Editorial Barxilón. Segundo Beloso, crearon unha editorial propia no instituto e para iso seguiron todos os pasos que hai que dar para crear unha editorial de verdade. E todos pasos dados polo propio alumnado, protagonista de todas as fases deste (e doutros) proxectos.

"Empezamos por unha análise do mercado, necesitabamos fomentar a lectura e crear unha editorial era un xeito de poñer en valor o libro, que entendan o importante que é un libro e todo o traballo que hai detrás. Para iso viron, da man de expertos, como nace un libro. Todo o que fai falla para que exista. Fixemos unha análise das nosas debilidades e fortalezas. Levamos aos rapaces e rapazas a unha imprenta. Puideron comprobar as calidades, que non eran todas iguais. Conseguir o ISBN, deixar libros en rexistro. Tivemos a visita de escritores, que explicaron aos alumnos e alumnas a parte creativa: como nacen as historias", comenta Luz Beloso, que engade que foi o alumnado o que creou as historias dos libros e as ilustracións. Leváronse á imprenta. "A parte máis emocionante, sen dúbida, foi ver os libros xa publicados. Iso sempre ocorre", engade.

Con este proxecto de editorial sacaron varios libros, que repartiron por varios centros e recibiron varios premios que lles valeron para os gastos do propio proxecto.

Os docentes que asistiron ao obradoiro destas profesoras expertas en proxectos colaborativos que inclúen a alumnado, familias, veciños e vilas enteiras, puideron pensar nun proxecto para os seus centros educativos, coas pautas achegadas por ambas.