O gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas chamou o verán pasado á acordeonista Sabela Caamaño e á cantante lusa Sofia Adriana Portugal para montar o trío Quinta San Vitorio.

Como xurdiu este proxecto?

Pedro Lamas: Naceu dunha encarga do Festival Folk de Guísamo. O repertorio foi unha descuberta que fun realizando no traballo de campo que realizo na contorna das Mariñas. A xente da Central Folque editou unha obra sobre Jacinta Landa que me permitiu ter máis información dela. Foi unha muller de ascendencia portuguesa que naceu en Estremadura e casou en Bergondo co intelectual Xoán Vicente Viqueira, con quen viviu na Quinta San Vitorio, onde pasou xente importante da cultura galega de entreséculos (XIX e XX). Na época da guerra civil, Landa debeu emigrar por razóns políticas a México e alí gravou fitas para os netos coa súa memoria musical. O seu é parte do repertorio que traballamos, pero non o único, xa que botamos man de temas doutras compositoras como, por exemplo, a pianista coruñesa Pilar Castillo, da que faremos A Maruxiña. O noso repertorio foi creado por mulleres. Trátase de músicas centenarias que quedaron no esquecemento, polo que consideramos importante recuperalas.

Por que elixiu a Sabela e Sofia?

P. L: Sabía o que facía Sabela e estaba á espera de ter un proxecto para chamala. É unha acordeonista estupenda que me permite voar co maxín á hora de realizar os arranxos das pezas porque sabía que estaba moi ben preparada tecnicamente. Sofia é o vehículo de expresión para chegar ao público, xa que case todo o material é cantado. Crin que podía ter sentido darlle voz ás músicas de Landa, que entroncan coa tradición galega e lusa, cunha cantante portuguesa. As miñas referencias dela eran excelentes e puiden comprobar o seu gran nivel musical. Gústame tocar con novos músicos e coas compañeiras deste proxecto considero que acertei plenamente.

Quixeramos que Sabela e Sofia comentasen o motivo de aceptar a proposta.

Sabela Caamaño: Fíxome moita ilusión que me chamase. Ía aceptar o que me propuxese porque sei da súa calidade e bo gusto. Os temas están moi ben e este proxecto ten un valor engadido con esa investigación que nos leva á reivindicación das músicas locais. En Galicia adoitamos mirar moito o de fóra e non reivindicamos o noso como deberamos.

Sofia Adriana Portugal: Non foi unha decisión difícil. Dixéranme que querían unha cantante portuguesa e cando vin do que se trataba non o pensei dúas veces!

Lamas, vostede é o arranxista das pezas. Como afrontou esteticamente a elaboración dese traballo?

P. L: Tento visualizar os arranxos en función dos músicos. Sei do gusto de Sabela polo folk, mais tamén a formación que posúe no terreo clásico. É titulada en piano e acordeón. Os límites telos na cabeza e, ás veces, debes medir o que podes tocar, pero con Sabela hai poucas limitacións técnicas. Comunicámonos moi ben. A idea primixenia dos arranxos é miña, pero sen a colaboración delas, que enriquecen moito os temas, non sería o mesmo. Sabela e Sofia aprópianse das cancións co seu xeito de tocar e cantar. Á música achégome con respecto e agarimo. Son temas sensibles e debemos mirar moito por eles. O tratamento musical pretende achegarse ao público de hoxe, pero sen desvirtuar a esencia coa que foron creadas. Facemos unha exploración con referencias á música tradicional e á clásica e nós esvaecemos esa proposta para chegar a públicos diversos.

Como encaixaron o acordeón e a voz na idea musical que tiña o seu compañeiro?

S. C: O máis complicado foi comprender a música que Pedro tiña na cabeza e a partir de aí todo foi fluído. Cando entendín a súa idea xa puiden levala ao meu terreo no acordeón, posto que el permite que teñas esa liberdade para que a fagas túa. Son músicas que dá gusto tocar.

S.A.P: Fixen suxestións sobre temas que eu sentía que poderían ter sentido no noso concerto. A partir de aí, co repertorio escollido, foi ver cales eran as mellores tonalidades para preparar os arranxos. Pedro e Sabela son músicos e persoas incribles e resulta doado e pracenteiro traballar con eles. Vocalmente a adaptación non foi complicada porque sempre tivemos en consideración as tonalidades que mellor se adecuaban á miña voz. Moitas veces é difícil que cada un dos instrumentos teña a súa propia voz e iso só se consegue con respecto mutuo, afastando os egos e traballando para un ben común, algo que logramos neste grupo.

Que lembran da acollida que tiveron co seu debut no festival de Guísamo?

S. C: Foi un día moi bonito. Fixemos a visita á Quinta San Vitorio co neto de Jacinta Landa e iso serviunos para nos mergullar aínda máis nas músicas do proxecto. Abraiounos a boa acollida. Gocei moito co concerto e sentín o calor do público. Houbo moitos comentarios positivos. Temos que gravar un disco con estes temas!

P. L: Foi unha xornada preciosa. Era a primeira vez que as tres persoas fixemos algo en común e o resultado superou as miñas expectativas. As músicas esquecidas colleron unha vida nova e iso emocionoume.

S.A.P: Foi óptimo. Confeso que tiña dúbidas. Non sei falar galego e a miña pronuncia non é perfecta. 'Será que as persoas van gustar da forma como canto a música que é máis deles que miña?', preguntábame. Pero todo saíu ben e tivemos unha bonita acollida.

Tocaron ao aire libre e agora fano nun teatro, onde as condicións son diferentes.

S. C: Este é un proxecto moi adaptable a calquera situación. No exterior encaixaba perfectamente e tamén o fará no teatro. Temos ese compoñente do sabor musical tradicional adaptado a linguaxes máis contemporáneas e creo que esa relación entre eses dous mundos fano bastante versátil para tocar en recintos abertos ou pechados.

P. L: Actuar no Teatro Rosalía acáelle perfectamente, xa que temos pezas de compositoras de formación clásica que, ao mellor, ata tocaron no seu día nese teatro. Esperamos atopar un público disposto a escoitar música con certo gusto histórico. Para nós é unha oportunidade de darlle unha maior visibilidade a este proxecto.

S.A.P: Temos momentos calmados e intimistas e outros que non o son tanto. O teatro pode ser máis confortable para os músicos e os técnicos porque nos auditorios adoita existir máis control da acústica. Estruturando ben o repertorio podemos encaixar nos dous contextos.