Belém Tajes comeza agora unha carreira como solista despois de formar parte de Vudú e para a gala dos XIX Premios Opinión de Música de Raíz conta coa colaboración do trío Lilainagala dos XIX Premios Opinión de Música de Raíz, formado polas irmáns Montero, para mesturar a tradición máis pura con conceptos musicais modernos.

Como se propiciou a colaboración entre Lilaina e Belém Tajes?

n belém tajes: Cando tocaba no dúo Vudú cría necesario meter percusión tradicional nun tema do disco. A miña compañeira Maritxinha tiña amizade con elas, xa que tamén naceu en Miño, e viñeron ao estudo en Lugo cargadas dunha morea de percusións para probar moitas cousas na canción.

n maría montero : Foi unha colaboración moi interesante porque nos deixaron liberdade total para probar cousas e aparecemos con todo o arsenal de percusións para ver o que iría mellor. Creo que quedou unha mestura moi interesante.

Despois ampliaron esa colaboración e fixeron xuntas un par de concertos...

n belém: Era algo que se propiciaba de xeito natural ao traballar nós en Vudú cun repertorio de pezas tradicionais arranxadas ao noso xeito. Cadraba moi ben realizar esa colaboración.

n maría: Houbo feeling entre nós dende o primeiro momento. Con Belém é todo moi claro. Gústame moito traballar con ela porque sabe o que quere.

Que repertorio farán na gala dos premios?

n belém: Preparamos unha mestura de varias cousas. Hai temas meus readaptados nos arranxos e pezas tradicionais que traen elas con cantigas que fan parte do seu repertorio persoal, o que para min é moi interesante. É un punto de vista distinto ao que había cando traballabamos en Vudú e agora non contamos co baixo eléctrico. Eu achego un par de cancións que están en castelán, nas que estou explorando as miñas orixes arxentinas. Por exemplo, Lilaina tocan con pandeiros de Peñaparda nun tema que ten algo de chacarera. A música vai agora por outro lugar, con máis folclore e menos rhythm and blues. Para todas nós é un soño e un privilexio actuar nun teatro como o Rosalía de Castro na noite da cerimonia de entrega dos PREMIOS OPINIÓN. Vou estar rodeada de xente á que quero e admiro moito. Para min é moi emocionante poder facer este concerto.

n maría: Sentímonos moi cómodas co que facemos con Belém porque estamos afeitas a realizar mesturas e investigar cousas novas. Gústanos explorar e ver onde están os nosos límites. Interésanos ter retos musicais cando abordamos un novo proxecto.

Que diferenzas atoparon á hora de elaborar unha peza tradicional ou unha composición feita por Tajes?

n andrea montero: As colaboracións que facemos as Lilaina están orientadas a fusións con outros estilos musicais, polo cal estamos afeitas a movernos por outros terreos. Cando comezamos a mirar temas con Belém aínda non fixeramos nada nese estilo, mais non nos resulta complicado porque xa fusionamos o noso con jazz, ska? fixemos case de todo e gústanos probar cousas novas.

Na pasada edición dos galardóns, o dúo Vudú fíxose co premio á mellor adaptación dunha peza tradicional galega con Moreniña. Como adapta o tema para tocalo con Lilaina?

n belém: Esa peza estaba claro que non podía faltar na gala. É un tema tradicional e a miña idea cando gravamos con Vudú sempre foi que soase unha pandeireta. Agora vai levar todo un set de percusións. Coido que quedou unha adaptación moi bonita. Esa canción tamén me vai acompañar na miña carreira en solitario, só que cunha sonoridade diferente, xa que a interpreto acompañada de violín e guitarra eléctrica.

n alejandra montero: É un tema que sempre me gustou moito. Ten unha melodía fermosa. Gustoume a versión que realizou Vudú e tamén o que imos facer nós con Belém na gala.

n maría: Creo que é unha peza que casa moi ben con calquera cousa que lle metas. Nese aspecto, trátase dunha canción moi agradecida.

Ademais de realizar esta colaboración, Alejandra e Andrea están tocando con Baiuca e con Marcelo Dobode, así que resulta evidente que lles gusta mergullarse con artistas que traballan coa tradición dun xeito contemporáneo, cada un coa súa personalidade diferente.

n andrea: Lilaina é un proxecto de música tradicional pura e dura e cando colaboramos con outra xente gústanos saír da nosa zona de confort. Estamos encantadas de que nos chamen para realizar colaboracións diversas. A fusión con outros estilos musicais fai que xente que non estea nada familiarizada coa música tradicional poida achegarse algo a ela. Comprobámolo cando actuamos con Baiuca e realizamos esa fusión coa súa música electrónica que lle gusta a unha mocidade que non escoita nada que teña relación co tradicional.

n belém: O de mesturarse con outros artistas con naturalidade non o fai calquera. Poden facelo as Lilaina porque son unhas boas coñecedoras da instrumentación que empregan e teñen unha bagaxe na cultura tradicional de moitos anos. Ata hai pouco meter o son dun baixo na tradición era considerado coma unha aberración. Creo que estamos nuns tempos nos que cómpre non asustarse e debemos aproveitar para facer máis mesturas musicais.

Aínda que nunca co proxecto de Lilaina, as irmáns Montero xa estiveron participando en tres ocasións na gala dos PREMIOS OPINIÓN. Como foron esas experiencias?

n alejandra: Sempre fomos moi ilusionadas a participar nos concertos. Estivemos tocando con Untia, grupo da escola municipal de folclore de Betanzos, con Xosé Lois Romero & Aliboria, no que era o noso primeiro concerto nun grande escenario, e tamén colaborando no proxecto de Pedro Lamas coa banda cambresa Sementeira. Ese último foi moi especial para nós porque puidemos cantar unha peza da nosa avoa que arranxou Pedro. Por iso resultou moi emotivo e intenso. Con Lilaina tampouco estamos realmente á procura de actuacións. Atopámonos cómodas colaborando con outra xente. Ao mellor deberiamos dar ese paso adiante de movernos máis co grupo.

n andrea: Como formamos parte de diferentes proxectos e estivemos a ter bastantes concertos antes de que chegase a Covid, iso tamén inflúe para que non nos lancemos máis como Lilaina, xa que temos bastante tempo ocupado.