A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a investir un total de 162 millóns de euros no sistema educativo galego co fin de atender as necesidades derivadas do contexto Covid nos centros durante este exercicio. As axudas concéntranse sobre todo no reforzo do profesorado, na dotación de recursos tecnolóxicos, no reforzo das medidas de seguridade e hixiene nos centros e no apoio dos servizos complementarios.

Así, a meirande parte do esforzo orzamentario absórbea a dotación de recursos humanos, con case 94 millóns de euros que inclúe a contratación de máis profesorado; seguido da dotación de equipamentos necesarios no escenario Covid (como a dotación tecnolóxica, a instalación de elementos de seguridade e a realización de obras, entre outros) ao que se destinan 43,5 millóns de euros; e a atención e reforzo de servizos como o comedor escolar ou a limpeza entre outros, cun orzamento de 25 millóns de euros.

Para garantir o ensino presencial en todas as etapas educativas, o Executivo autonómico executou a contratación de 2.300 profesores a maiores para este curso, o que supón un incremento do cadro de persoal docente ante a Covid do 7,6% con respecto á plantilla inicialmente prevista.

Outro dos principais esforzos inversores céntrase na dotación de recursos tecnolóxicos nos centros, á que se destinan arredor de 9,4 millóns de euros.