A Real Academia Galega (RAG), diante do empeoramento da situación sanitaria en Ferrol, acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas na súa propia sede, na cidade da Coruña.

A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal do autor o sábado, cadrando co centenario do seu nacemento, tras pospoñer a tradicional celebración do 17 de maio por mor do confinamento da pasada primavera. Mais atendendo a incidencia crecente da Covid-19 na comarca de Ferrol nas últimas xornadas, a Academia renderalle tributo ao escritor, filólogo, profesor e académico nunha cerimonia que terá lugar no salón de actos da rúa Tabernas á 12.00 horas. e que poderá seguirse en directo a través da páxina web academia.gal.

O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.

A sede da Academia está a ser tamén ao longo do mes de outubro o escenario do simposio organizado pola institución para profundar nas múltiples facianas intelectuais de don Ricardo. O encontro remata hoxe cunha sesión (19.00 horas) sobre as ideas e as achegas ao idioma de Carvalho Calero.