"Estamos nunha situación crítica, ao borde da nosa capacidade máxima de atención, con moitísimo traballo aínda que as salas de espera estean case baleiras", advirte o presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria, Álvaro Carrera García, ao facer un diagnóstico da situación que atravesan os centros de saúde de Galicia nesta segunda onda da pandemia de SARS-CoV-2. No caso dos enfermeiros, sinala, o "traballo triplicouse", pois están a ter "un volume de traballo moi superior ao normal nunha campaña de vacinación antigripal". "A pandemia orixinou unha paralización da actividade programada cos pacientes crónicos e, neste momento, estase a recuperar moita desa actividade adiada nos máis vulnerables e tendo que abordar as descompensacións derivadas neste tempo. A maiores, temos que realizar vixilancia epidemiolóxica nas residencias sociosanitarias, apoiar sanitariamente aos centros educativos e convivir coas medidas de prevención fronte a Covid-19, que para nós dan lugar a un aumento da carga de traballo e xera tensión, porque non podemos baixar a garda nin un momento", subliña.

Preocupa a situación dos hospitais, pero a presión asistencial xa se nota desde hai semanas en Atención Primaria...

En efecto, cando a atención hospitalaria está mal, a Primaria está peor. Somos a principal barreira asistencial fronte ao virus. No momento en que a onda chega aos hospitais, significa que nos centros de saúde xa estamos anegados. A invisibilidade á que está sometida sempre Atención Primaria dá lugar a que se pase por alto este feito.

Como están a vivir os enfermeiros dos centros de saúde esta segunda onda da pandemia?

Nesta segunda onda vimos con moitas leccións aprendidas. Na medida do posible, fomos readaptando a nosa forma de traballar, as nosas consultas e axendas, pactando cos pacientes crónicos estratexias para poder realizar atención non presencial, abrindo novas canles de comunicación. Iso non quere dicir que estea sendo doado, xa que o noso traballo triplicouse, e non poder ver diante ao paciente moitas veces é un hándicap. Así e todo, para gran parte das nosas intervencións é indispensable a presenciabilidade, polo que na medida do posible tentamos mellorar as axendas de traballo para organizar os centros de saúde, de xeito que o paciente entre directamente en consulta sen agardar na sala de espera. Fomos concienciando pouco a pouco que os pacientes sexan puntuais e non veñan 1 hora antes, para evitar que os centros de saúde sexan un foco de contaxio para as persoas máis vulnerables.

Que tarefas tiveron que asumir, a maiores, nos últimos meses?

Principalmente, todo o relacionado coa Covid-19: seguimento de pacientes, a vixilancia epidemiolóxica das residencias sociosanitarias, o apoio e formación dos centros de ensino, etc. No caso do seguimento de pacientes con Covid-19, dependendo da dispoñibilidade de profesionais, foise facendo seguimento domiciliario dos pacientes con coronavirus en coordinación cos compañeiros médicos. Pero logo en determinados casos tamén foi (e segue sendo) necesario realizar rastrexo de contactos, cando a central de contactos non da chegado. Logo tamén a parte invisible non asistencial, pero que é vital para lograr dar resposta as necesidades dos pacientes, que é a xestión da loxística de abastecemento de materiais dos centros de saúde, xa que se trata de circuítos paralelos aos habituais, cunha burocracia e trabas administrativas desmesuradas, que o que nos restan é moitísimo tempo da labor asistencial. Non é posible ter que estar "pelexando" todos os días porque nos envíen material (clínico, EPI, etc.) acorde as nosas necesidades.

Galicia é das comunidades cunha ratio máis baixa de enfermeiros por habitante. En que cifras anda?

A día de hoxe inda temos enfermeiras con máis de 2.000 persoas ao seu cargo. Iso imposibilita facer un traballo de calidade, sobre todo se nos referimos a promoción da saúde, prevención da enfermidade e seguimento de doentes con patoloxías e necesidades de coidados crónicos. Tal e como propuxemos nos grupos de traballo do Plan Galego de Atención Primaria debemos aspirar a cotas de enfermaría de familia de 1.500 pacientes se o 25% destes é menor de 65 anos, e 1.250 pacientes se a taxa de maiores de 65 anos é maior do 25%. Nalgúns casos nos que a dispersión xeográfica é enorme e as necesidades de coidados son superiores, incluso deberiamos falar de cotas de pacientes máis reducidas. Por outra banda, tamén temos problemas de aproveitamento de profesionais formados. Hai enfermeiras especialistas de familia e comunitaria para Atención Primaria, pero por unha inadecuada xestión de recursos, desperdíciase a súa formación en unidades hospitalarias, cando nos centros de saúde precisamos recursos e ben formados, con capacidade para afrontar esta situación.

Desde o inicio da pandemia estase a priorizar a atención telefónica nos centros de saúde. Levamos moitos meses así, e os pacientes quéixanse das dificultades para ser atendidos e da falta de seguimento das patoloxías crónicas...

O paciente con patoloxías e necesidades de coidados crónicos é ao que máis tempo lle destinamos. É o noso principal usuario. Unha das principais características da Atención Primaria é a súa accesibilidade, e así o debe ser. No momento que a poboación non da accedido ao principal recurso de atención temos un problema. O principal obxectivo da atención telefónica non é botar aos pacientes das consultas, coa consulta telefónica procuramos ordenar as salas de espera, para evitar focos de contaxio entre a poboación máis vulnerable. Que se acceda mediante consulta telefónica permite que na maior parte das veces se vaian adiantando probas, para facer consultas presenciais máis longas e resolutivas, a poder ser de acto único. Cando hai problemas de acceso ou lista de espera, a causa non é a consulta telefónica, a causa é que non hai suficientes profesionais, ben porque non se substitúen ou ben porque xa hai un déficit previo á pandemia. Temos máis traballo ca nunca, e as nosas axendas así o demostran.

A campaña de vacinación fronte á gripe leva xa case un mes en marcha. Cal é o seu balance?

Pois este ano houbo unha resposta moi elevada no que a demanda da vacina se refire por parte da poboación. Porén, esa resposta que xa a detectabamos as enfermeiras no verán non veu acompañada de melloras organizativas no que atinxe a responsabilidade de Saúde Pública a hora de organizala. Doses insuficientes para menores de 65 anos, continuamos cun calendario de distribución similar ao dos outros anos xa que non se reforzou como debería. Todos os anos facemos importantes aportacións a melloras das campañas e aínda continúan resistíndose a implantalas. A meirande parte delas organizativas e a custe 0.

Está a haber problemas de subministración de vacinas nalgúns centros de saúde. Cando comezaron esas incidencias e a que as atribúen?

Comezaron na segunda semana da campaña. Primeiro, nos centros urbanos e os de maior tamaño e, progresivamente, foise notando nos rurais. Non temos clara cal é a causa, se non houbo unha provisión suficiente de Vaxigrip Tetra, ou ben se houbo desabastecemento. Cremos que a Administración neste asunto debe dar a cara. Se a causa foi a primeira non pasa nada por recoñecer aos cidadáns que se superaron as previsións e aportar solución, é dicir, que a partires de tal día se normalizará o abastecemento porque se merca máis, se é no caso do segundo tamén. Estamos nun momento de pandemia no que hai moitos factores que son difíciles de controlar, e todos debemos ser comprensibles. O que non vale é agocharse detrás dos profesionais e incluso botarlle as culpas a eles, como nalgún caso...

Como está a influír esta situación no día a día dos profesionais?

Repercute moi negativamente en nós, xa que está dando lugar a que temos que dar cita aos pacientes e logo descitalos por carecer de suficientes doses para os incluídos nos grupos de risco. A maiores, moitos dos usuarios achácannos aos profesionais a falta de doses, o que está xerando un incremento de violencia verbal cara nós, que somos os que temos que dar a cara e estamos a batallar todos os días coas delegacións de vacinas para que nos envíen máis doses. Estamos no medio, e recibimos de todos os lados.

Estanse a rexistrar importantes listas de espera para obter cita para vacinarse...

Isto débese a varios factores: o primeiro é que o persoal enfermeiro seguimos atendendo o resto de problemas, e como non houbo un reforzo extraordinario do 120% temos que facelo cos mesmos efectivos e as veces nin iso se hai ausencias sen cubrir. O segundo débese a existencia de vacinas que temos que manexar. Se temos 300 vacinas para tres días, non podemos administralas todas no primeiro, non podemos superar a cantidade de vacinas das que dispoñemos. Tamén estas listas de espera veñen derivadas da necesidade de vacinarse este ano que ten a poboación. Noutros anos, dependendo da metereoloxía, estas situacións de xeito máis suave vivíanse a mediados de campaña, cando viña o frío. A pandemia fixo que a demanda se acentuase dende o primeiro día. De todos os xeitos, a situación epidemiolóxica non reviste unha necesidade inmediata ter que vacinarse xa agora todos de golpe. A campaña finaliza o 31 de decembro.

Que panorama agardan, en xeral, para as próximas semanas?

Agardamos un escenario máis complexo. As últimas restricións da Xunta evidencian que o número de contaxios de Covid-19 se incrementa gravemente e hai que paralo. Mentres isto non aconteza, na Atención Primaria teremos que atender aínda a máis pacientes con Covid-19 e os seus agravamentos e secuelas, o que indica que virán semanas aínda máis duras que as actuais. Oxalá non sexa o escenario de abril.