A Real Academia Galega (RAG) nomeou a María Dolores Sánchez Palomino, no pleno ordinario celebrado onte, académica de número. A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña (UDC), investigadora de prestixio internacional no ámbito da lexicografía e membro correspondente da RAG dende 2004, dirixe na actualidade a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que pasará a ofrecerse proximamente en liña. Ocupará a vacante producida tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat o pasado 29 de decembro. Na xuntanza acordouse tamén que o pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, adiado por mor da pandemia, se celebre o próximo mes de decembro se a situación sanitaria o permite.