A Real Academia Galega (RAG) celebrará en outono de 2021 un encontro internacional dedicado a Emilia Pardo Bazán (1851-1921), dentro da programación que a institución, herdeira da casa da escritora e custodia do seu arquivo e biblioteca, prevé desenvolver o ano que vén co gallo da conmemoración do centenario do seu pasamento.

A institución participa na organización do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, que xuntará especialistas e estudosos na obra da autora de prestixio internacional e vinculados a institucións de distintos países. As xornadas terán lugar na rúa Tabernas, 11 da Coruña, sede da RAG e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

O académico correspondente e catedrático emérito da Universidade de Santiago (USC) José Manuel González Herrán dirixe o comité organizador do congreso, do que forman tamén parte a académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, o profesor do Brooklyn College Alejandro Alonso Nogueira e o profesor da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) Santiago Díaz Lage.