O escritor e profesor rianxeiro X. Ricardo Losada, é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa obra coa novela O rosario e a buguina na que recrea os últimos meses de vida do poeta Manuel Antonio e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos. O xurado destacou a creación dos personaxes e a escrita coidada da obra.

O rosario e a buguina foi a obra escollida como gañadora polo xurado do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega, composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello , a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria. O premio ten unha dotación económica de 6.500 euros, e inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.

X.Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extremaunción e a negativa del a aceptalo”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.

Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora.

O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou cinco libros, O xente da chuvia (Edicións do Castro), Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais Edicións) Bótame deste mar fóra (Toxosoutos), Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Editorial Galaxia) e A casa xunto ao volcán (Editorial Galaxia).