A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié veñen de abrir a fase de votación popular telemática para decidir cal destas seis voces será a Palabra do Ano 2020 en Galicia: gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina. Os seguidores do Portal das Palabras, o proxecto para a difusión do léxico galego promovido por ambas as institucións, poderán escoller ata as 23:59 horas do 25 de decembro entre os termos que resultaron finalistas na primeira fase de recollida de suxestións, na que participaron máis de 5.500 persoas.

"Como era de agardar, moitas das propostas recibidas teñen que ver coa grave situación sanitaria que se rexistra a nivel mundial por mor da propagación do SARS-CoV-2", expón a RAG no seu portal na rede. "Pero tamén hai quen prefire -engaden- centrarse nalgunhas das cousas boas deste ano e celebrar efemérides destacadas como o centenario da xeración Nós, ou mesmo evadirse e animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas dun dos xeitos de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina se designa como Sagittarius".