“Nós” foi a palabra gañadora da votación popular para Palabra do Ano 2020”promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié. “Nós”, que conseguiu tres de cada dez votos emitidos, erixiuse como gañadora entre unha serie de finalistas nas que destacaron palabras relacionadas coa pandemia do COVID-19 como “gromo”, na súa acepción de “aparición repentina dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar” —que a RAG incorporou ao seu dicionario neste ano—, “pandemia”, “máscara” ou “vacina”.

A Real Academia Galega barallou, segundo explicou onte o comunicar ó resultado das votacións, que a elección de “Nós” como palabra deste 2020 pode deberse a un intento de “evasión colectiva nun ano en que o COVID-19 disparou a utilización de novos termos”.

Ademais, indicou que a voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, “e olla cara ao futuro con optimismo” porque nos lembra tamén que saír da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina.

Segundo a RAG, a palabra gañadora é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. É tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á nosa prosa “un pulo nunca visto nos tempos modernos”. O protagonista das Letras Galegas 2020 adicoulles un capítulo enteiro aos seus principais membros na súa Historia da literatura galega, onde explica que a orixe desta denominación está no álbum Nós de Castelao, director artístico da publicación.

A segunda palabra máis votada por detrás de “Nós”, cun 20% das votacións rexistradas foi “seteiro”, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén “arqueiro” e que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobou na súa lista normalizada de nomes galegos de constelacións. Despois ven “gromo”, cun pouco máis do 17%; “pandemia” (15%), e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.