A Xunta ten xa as instrucións para o desenvolvemento do chamado decreto do aprobado xeral –imposto de xeito unilateral polo Goberno central– que, tal e como explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ten como obxectivo manter os estándares de calidade do sistema educativo galegos, avalados por informes como o PISA. O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou que o decreto do Goberno central abre a porta a rebaixar o nivel de esixencia do sistema educativo, baseándose na situación excepcional vivida a finais do curso pasado. Neste sentido o conselleiro incidiu en que “non podemos permitir que a pandemia marque o ritmo do sistema educativo”.

As instrucións de desenvolvemento do decreto do aprobado xeral manteñen os criterios de avaliación, promoción e titulación previstos para este curso 2020-2021. En concreto, nelas indícase que a Consellería de Educación aplicará os criterios de avaliación, promoción e titulación actualmente vixentes na normativa propia de Galicia e establecidas nas instrucións aprobadas o 30 de xullo para este curso, tanto para as ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, como para as de réxime especial. Galicia non adoptará a posibilidade aberta polo Goberno central de revisar á baixa os criterios de avaliación, promoción e titulación, é dicir, promocionar de etapa con independencia das materias aprobadas.