As políticas da Xunta en materia en materia de bibliotecas escolares cuadriplicaron as visitas dos estudantes a estes espazos. Segundo explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o 87% dos nenos e nenas de Primaria vai á biblioteca unha vez á semana, o 50% no caso do alumnado de Secundaria, mentres que no 2011 visitaban a biblioteca unha vez ao mes o 73% dos estudantes de Primaria e o 54% dos de Secundaria. Isto significa que a frecuencia de visitas do estudantado galego ás bibliotecas dos seus centros multiplicouse por catro con respecto aos resultados obtidos nun estudo realizado en España en 2011.

Segundo o avance de resultados do estudo, as bibliotecas van moito máis aló de ser espazos para a lectura. De feito, o 70% dos alumnos e o 85% dos profesores consideran que son o motor da actividade escolar. As bibliotecas escolares son, polo tanto, lugares transversais de creación e coñecemento. O 36% dos seus usuarios empréganas para a creación de arte, outro 36% realiza nelas materiais audiovisuais, un 30% desenvolve nestes lugares programas de radio e un de cada cinco estudantes obradoiros de robótica. O 58% dos estudantes afirma que na biblioteca do seu centro educativo aprende a manexar a información dun xeito crítico, unha cifra que multiplica por cinco os datos do ano 2011 a nivel do Estado. O conselleiro destacou que os alumnos ven a biblioteca como “un espazo para o estudo, a investigación e o coñecemento.