Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne son os protagonistas do novo capítulo de Conseguiremos, a serie coa que a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade de Santiago (USC) abren o proxecto Novas voces para a lingua para conectar á mocidade co idioma. Na peza audiovisual, gravada no Porto de Santa Cruz (Oleiros), os dous mozos conversan sobre a capacidade de chegar coa música en galego “a calquera parte do planeta”. A produción presentouse a finais de 2020 coa estrea do episodio protagonizado pola futbolista Verónica Boquete —rodado no estadio compostelán que leva o seu nome— e completarase coa difusión doutros tres diálogos entre mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.