Nesta edición o xurado concentrou unha boa parte dos seus votos en tres traballos discográficos. Xosé Lois Romero e Aliboria, con Latexo, aparecen como candidatos en todas as categorías. Neste segundo disco da formación incluíron temas propios e iso fixo que tivesen a opción de completar todas as posibilidades. Música da terra, co poderío das voces femininas e as percusións do país e servida, como eles indican, sen adozar nada na sonoridade elixida para presentar os temas. Romero é o autor das composicións e arranxos e o seu labor serviulle para acadar un posto entre os finalistas como mellor artista do ano 2020.

O trío Zumaque son debutantes, mais está composto por xente que xa leva tempo no eido da música. A súa proposta convenceu plenamente o xurado e lograron catro candidaturas. O cerebro nas composicións é o clarinetista Pablo Pascual, de quen foi escollida Silván, título tamén do álbum, como posible gañadora do galardón. O nome da peza provén dunha parroquia do concello de Coristanco. Pascual é o arranxista da peza incluída entre as seleccionadas como finalista e todo o seu labor no disco brindoulle un espazo entre os nomes incluídos no artista máis destacado.

Comparte lugar con Xabier Díaz, quen xa sabe o que é ser finalista nese apartado. O coruñés volve repetir a fórmula artística coas súas Adufeiras de Salitre para conseguir tamén mencións como mellor álbum e adaptación de peza tradicional.

Ao non existir temas de composición propia no traballo, esta obra tamén logrou o máximo posible ao que competía.

Estes tres discos son os que parten como favoritos para se facer cos premios. Os demais artistas reflectidos na lista de finalistas só figuran nunha candidatura, aínda que ás súas propostas non lles falta calidade como para desbotalos no reconto final de votos.

As cancións orixinais son o lugar onde se ve máis claramente que a música de raíz evolucionou estilisticamente co paso do tempo. A presenza da cantautora MJ Pérez e da banda Néboa abre o abano das perspectivas sonoras, o que sempre constitúe unha riqueza para a nosa música.

Eses cambios estéticos véñense notando con forza nos últimos anos. Entre as adaptacións máis salientables está a solista Carmen Penim, quen achega na súa obra revisións de temas tradicionais cun enfoque moderno.

No espazo que deixaron os tres discos que lograron o pleno meteuse a ópera prima do trío 3 Pesos, outra desas formacións que debuta pero que está formada por músicos que levan desenvolvendo o seu traballo na escena galega dende hai tempo. Contan coa estimable voz de Felisa Segade, unha das compoñentes de Leilía.

A gaiteira Susana Seivane consegue o seu lugar entre o cuarteto de mellor artista do ano grazas ao seu traballo baseado nesa música tradicional que ama. Co anterior disco aparecera de finalista no mellor tema orixinal. Susana Seivane, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero saben o que é gañar este premio cando os galardóns, durante dez anos, se concederon aos tres mellores discos do ano.

Premios Opinión Música de Raíz

1. MELLOR TEMA ORIXINAL

A RODA DA VIDA

-Xosé Lois Romero & Aliboria

Romero é o autor deste tema que, como non podía ser menos, tenta potenciar o máximo posible as voces e percusións que son o alicerce sonoro da formación. 

-SILVÁN

Zumaque

Segundo indica o grupo esta muiñeira é un exemplo da forza e o carácter case tribal da música oral en Galicia. A creación sae do maxín de Pablo Pascual.

-VAI EMBORA!

MJ Pérez

A súa nai naceu en Portugal e esta é a primeira peza que MJ fai en portugués. Fala dun amor perdido nunha canción coa que te quedas co ritmo na cabeza.   

-COIDAR DUNHAS COLMEAS

Néboa

Composición de Lucas de Centi que se move con harmonía entre pop e música de raíz. Emprega unha voz feminina para unha sonoridade elegante. 

2. MELLOR ARTISTA

XOSÉ LOIS ROMERO

Ao longo dos anos foi afianzando a súa faceta de compositor e arranxista nos diversos proxectos en que participou. Cismou anos na idea de Aliboria ata poder crear o grupo.  

PABLO PASCUAL

Nestes anos participou en varios proxectos. En Zumaque é o autor dos temas e os arranxos de pezas tradicionais. Esta nova formación pode darlle máis visibilidade musical.  

XABIER DÍAZ

Unha voz con empaque e un proxecto que tamén o ten. Soubo dar co que quería ao incorporar na súa idea musical ás Adufeiras de Salitre. É a súa segunda vez nesta candidatura.  

SUSANA SEIVANE

A gaiteira asomouse ao seu balcón para nos ofrecer no disco unha ampla escolma de pezas tradicionais que están no seu ADN musical. Música do país interpretada con respecto.

3. MELLOR ADAPTACIÓN DUNHA PEZA TRADICIONAL 

-MUIÑEIRA DE ONS

Xosé Lois Romero & Aliboria

Esta canción chea de poderío foi a carta de presentación nas redes sociais do álbum da banda coruñesa. Representa perfectamente a súa identidade sonora.  

-MAZURKAZZIONE

Zumaque

O tema é da zona da Paradanta. Nesta recreación poden escoitarse matices sonoros que o trío incorpora moi axeitadamente para dotar dunha entidade propia ao seu proxecto. 

-PRIMEIRO

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

É a peza que abre o álbum. Provén de Gargamala, unha parroquia de Mondariz. Mostra ben as virtudes dunha banda cunha marcada faceta de sensibilidade.

-AÍ VÉN O BARCO DO MARE

Carmen Penim

Carmen Penim é a arranxista da canción e sabe levala con man firme ao seu destino. Trátase dunha creación intelixente realizada con elegancia e delicadeza.  

4. MELLOR DISCO

-XOSÉ LOIS ROMERO & ALIBORIA

Álbum: ‘Latexo’

Este traballo xa contén temas propios, ademais dos tradicionais, e amosa a potencia das súas cantantes acompañadas con enerxía polas percusións.

-ZUMAQUE

Álbum: ‘Silván’

Debut discográfico dun trío que sabe ben por onde pisa. As composicións denotan personalidade e abren unha nova perspectiva dentro da nosa música de raíz. 

-XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DE SALITRE

Álbum: ‘As catedrais silenciadas’

Terceiro disco do proxecto, onde a fórmula coñecida continúa dando bos resultados. Voces afinadas e bo gusto nos arranxos.

-3 PESOS

Álbum: ‘De cando os animais cantaban’

Trío que realiza o seu debut discográfico, mais con artistas cunha traxectoria consolidada na música tradicional e iso nótase no ben que resolven o repertorio.