O centenario do pasamento da escritora Emilia Pardo Bazán permitirá profundar dende novas perspectiva na figura e na obra de Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega (RAG), a Universidade de Santiago (USC) e o Consello da Cultura Galega reunirán a finais do mes de outubro na Coruña e Santiago unha importante representación das grandes voces expertas na autora no Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois.

A cita, que se completará con diversas actividades culturais, coincidirá co traslado á cidade da Coruña da exposición sobre a autora que organiza a Biblioteca Nacional de España, unha mostra que conta coa estreita colaboración da Real Academia Galega (RAG), custodia do legado de Emilia Pardo Bazán, e que poderá verse no Quiosco Alfonso.

As tres institucións organizadoras presentaron onte o programa na RAG, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar familiar da escritora e hoxe sede tamén da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; a vicerreitora da Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez Blanco; e o académico correspondente, catedrático emérito da USC e director do comité científico do congreso, José Manuel González Herrán, avanzaron o programa en rolda de prensa xunto ao director da área de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois conta co apoio do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

“Con este encontro estamos falando dunha concentración de coñecementos e de reflexións sobre Emilia Pardo Bazán importante, e ademais implicamos as institucións máis significativas arredor dunha figura sobranceira das letras españolas e europeas”, expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.