Cando se conmemora o 800 aniversario do nacemento de Afonso X o Sabio, a Real Academia Galega (RAG) reclámalle a Patrimonio Nacional que siga os pasos doutras moitas bibliotecas en materia de difusión dos seus fondos e comparta na Rede os dous códices do inspirado poeta en galego —autor dun dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, as Cantigas de Santa María— e que están custodiados no Escorial. “É chegado o momento de que o público interesado, ademais dos e das especialistas, teñan acceso libre a estes códices, a través de reprodución dixital dispoñible en aberto na web”, expresa a institución. Patrimonio Nacional débello —conclúe a entidade— “á cultura galega, á cultura hispánica, á cultura europea e universal”.

A Real Academia Galega contactou en xaneiro con Patrimonio Nacional solicitándolle a posta a disposición pública na Rede dos chamados Códice Rico e Códice dos Músicos. Nunha breve resposta, Patrimonio Nacional limitouse a indicar que a dixitalización das obras de Afonso X o Sabio se contempla na súa programación cultural e que está a expensas do desenvolvemento da planificación institucional, sen suxerir data ningunha para a súa difusión.

A colección das Cantigas de Santa María (máis de 400 cantares en lingua galega) chegou a nós en catro códices elaborados nos tempos do propio monarca (século XIII). Un dos volumes, o Códice de Toledo, atópase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse no sitio web da institución estatal; outro permanece na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia), e tamén está dispoñible na Rede; e os outros dous atópanse na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial. Son este últimos os que agora desde a entidade académica galega demandan que se poñan en internet.