A Xunta de Galicia recoñece un total de 37 proxectos cos premios de innovación na Formación Profesional (FP). Nestas iniciativas, coordinadas por 25 centros públicos, participan un total de 47 Centros integrados de FP (CIFP) e Institutos de Educación Secundaria (IES), así como 70 empresas e entidades, o que demostra un gran traballo colaborativo e a unión de forzas entre a FP e o sector empresarial.

O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica de 800.000 euros, é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na Formación Profesional e o fomento do emprendemento.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade aposta por transformar os ciclos en ensinanzas que se adapten ao contorno produtivo e ao novo modelo económico baseado no coñecemento como forza impulsora. Deste xeito estase a camiñar cara a un sistema de formación profesional máis áxil, flexible e eficiente, estreitamente vinculado ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.

Os proxectos puideron presentarse a dúas modalidades. A primeira delas, de Innovación tecnolóxica ou científica, está dirixida ás iniciativas que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deben ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais. A segunda modalidade, de Innovación Didáctica, céntrase nas iniciativas que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas e aplicacións informáticas. Eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.