A Real Academia Galega (RAG) afronta hoxe na súa sede da Rúa Tabernas na Coruña un pleno extraordinario para elixi-la nova directiva. O que fora até finais de marzo presidente, Víctor Freixanes, opta á reelección ao ser a única candidatura presentada.

Segundo comunicou a propia entidade, o pleno terá a súa celebración ao longo da mañá e ás 12.30 horas está previsto que Freixanes compareza ante os medios para dar conta do discutido e decidido na sesión plenaria.

Nesta votación, segundo informaron fontes da RAG, están chamados a votar 25 académicas e académicos de número. En teoría deberían ser 30 pero hai que descontar a baixa de Xosé Luís Méndez Ferrín e varios falecementos sen que de momento as súas cadeiras estean formalmente ocupadas.

Deste xeito, Freixanes precisaría trece votos para facerse coa presidencia na primeira volta. Todo parece indicar que será así e que non haberá que recurrir á segunda.

O escritor exresponsable máximo de Galaxia contou co aval, nesta ocasión, de Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez Blanco, Andrés Torres Queiruga, Ramón Villares e Antón Luís Santamarina.