O pleno da Real Academia Galega (RAG) reelixiu onte a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova.

“A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.

Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino.

Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións, e insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista.