O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame), Cristina Piñeiro, asinaron un convenio para colaborar na inclusión no sistema educativo do alumnado que sufre períodos longos de hospitalización. Unha liña de actuación que, tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, se enmarca na prioridade do Goberno galego de acadar o maior grao de inclusión nas aulas e ofrecer que cada alumno desenvolva ao máximo as súas capacidades, tanto no seu desenvolvemento académico como no persoal.

Ambas partes difundirán a Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado, un documento que servirá de axuda neste proceso ao círculo de persoas que rodean ao alumno durante a súa recuperación, e que se basea nas necesidades detectadas por persoas que xa viviron esta experiencia. A Xunta facilitará a colaboración do persoal profesional de Asotrame nos centros docentes para mellorar a sensibilización arredor desta situación e favorecerá a formación do profesorado.