Un de cada tres alumnos castelanfalantes finaliza os seus estudos en Secundaria cunha escasa competencia en lingua galega. É unha das conclusións do estudo elaborado pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Deputación de Pontevedra, para avaliar a competencia bilingüe do alumnado de 4º da ESO. O traballo estivo a cargo do Seminario de Sociolingüística da RAG e o acto de presentación dos resultados contou onte coa presenza do presidente da institución, Víctor Freixanes, dous dos autores, María López e Henrique Monteagudo, e a deputada María Ortega.

O estudo constata que a pesar de que a xeración Z ou dos centennials finaliza a ESO cunha competencia aceptable nas dúas linguas oficiais na comunidade, existe un acusado desequilibrio en detrimento do galego. De modo que mentres que o alumnado galegofalante mostra un dominio similar nos dous idiomas, máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego.

Case o 44% dos preto de 600 estudantes de 26 centros de Secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan ambos idiomas por lingua inicial, o 36,1% indicou que o castelán e o 18,1% sinalou o galego. Case o 70% dos participantes responderon que falan única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso prioritario do galego o 30%.

O estudo amosa ademais un importante sector do alumnado cunha escasa competencia en galego, principalmente na comunicación oral e na comprensión léxica, afectando sobre todo a castelanfalantes residentes en zonas urbanas ou periurbanas. Así mesmo, aqueles que acoden a institutos públicos conclúen a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, fronte aos centros da rede privada, onde o dominio resulta bastante máis deficiente en galego que en castelán.

Henrique Monteagudo considera que os datos amosan que o cambio na lexislación, coa implantación do sistema plurilingüístico en Galicia desde 2010 e a supresión da discriminación positiva do galego nos centros, acentuou aínda máis este desequilibrio a favor do castelán. Neste sentido, lembrou que lestes datos xa comezaban a igualarse en un estudo anterior de competencias elaborado no ano 2009. “Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego”, sinalou Freixanes apuntando á importancia das escolas como base para o futuro do idioma á vez que pediu unha reflexión dos poderes políticos.

Os especialistas indicaron onte a necesidade de motivacións e condicións de uso para que, ademais, o galego poida desenvolverse noutros espazos con normalidade entre os menores. Neste sentido, Víctor Freixanes explicaba esa necesidade de que haxa propostas de lecer, publicitarias, económicas, deportivas e nos medios de comunicación que permitan desenvolver actividades en lingua galega. Ademais lembrou que o seu uso permite comunicarse con outras partes do mundo porque “non só é unha lingua local”.

Freixanes indicou que a RAG traballa con datos e estudos de campos sobre os que sostén as súas afirmacións e diagnósticos, lembrando que os obxectivos estratéxicos da educación obrigatoria contemplan que se logre unha competencia plena nos dous idiomas oficiais de Galicia, o galego e o castelán. “A realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar”, indicou, advertindo da importancia da mocidade para o futuro da lingua galega nunha sociedade marcada por formatos dixitais.

Segundo indicou María López Sández, profesora de Ciencias da Educación, o espazo familiar é o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade mentres que a escola preséntase como o lugar para adquirir as competencias escritas e o coñecemento do código, segundo o estudo.