Cúmprense vinte anos dende que os PREMIOS OPINIÓN botaron a andar cunha gala na que actuaron Fía na Roca e Berrogüetto, dous conxuntos xa desaparecidos da escena musical e que foron importantes no devir da música de raíz galega polo que foron quen de achegar artisticamente. Para festexar o 20º aniversario, na gala —que se celebrará o 21 de maio no Teatro Rosalía— actuarán dúas bandas que presentarán os seus novos discos.

Lulavai é un cuarteto de arpistas e cantantes que comezou a súa traxectoria discográfica editando Cor Das Verbas en 2010. Coñecéranse anos antes cando estudaban arpa baixo a dirección de Rodrigo Romaní na que hoxe é a escola musical E_trad e iso fixo que fosen parte durante anos da orquestra folk SondeSeu. Será a segunda vez que toquen na gala, posto que xa estiveran en 2008 ofrecendo un pequeno recital de quince minutos no que deixaran unha impresión moi grata entre o público, que despois gozou tamén da música de Entre Trastes e Xosé Manuel Budiño. Naquel momento comezaban a dar os seus primeiros pasos como grupo e xa se intuían as súas potencialidades.

Nesta ocasión estarán algo máis de tempo enriba do escenario para ofrecer en exclusiva esas pezas que formarán parte do seu seguinte álbum.

No seu segundo traballo, titulado Lémbrame un soño, incluían o tema Meniña de Auga, composto por Paula Oanes, que resultou elixida entre as catro cancións finalistas na décimo cuarta edición dos premios. O que van presentar na gala aínda non ten título, pero volverá ser unha mostra do estilo musical que xa despregaron nas obras anteriores. Caracterízanse por posuír dozura e delicadeza á hora de abordar as pezas interpretadas. Non existen conxuntos no noso país que teñan catro arpas como eixe sonoro, polo que a súa presenza serve para enriquecer a nosa música. Nos últimos vinte anos xurdiron na nosa terra apostas sonoras máis diversificadas, o que resulta un contraste gratificante co que sucedía cando comezou este século, no que había menos risco á hora de formular unha nova proposta.

O Cuarteto Caramuxo xa sabe o que é gañar un PREMIO OPINIÓN. Acadárono no antigo formato, onde se premiaba aos tres mellores discos do ano. Na novena edición eles eran uns debutantes, que se presentaban co seu álbum Tiruriru, e empataron no segundo posto nas votacións do xurado co grupo coruñés Nova Galega de Danza.

O cuarteto, que é realmente un sexteto, pero mantén a denominación dos tempos non que eran catro os seus compoñentes, actuou unha vez na gala. Participaron na homenaxe que se tributou a Milladoiro, polo gallo do seu trinta aniversario, no ano 2009. Esas versións de temas da histórica banda galega interpretadas no decurso da cerimonia por sete artistas diferentes foron recollidas no cedé Perspectivas, que se deu de balde co xornal LA OPINIÓN. Agora non só interpretarán unha peza no escenario, senón que presentarán en exclusiva varios temas do que vai ser o seu vindeiro traballo, o terceiro na súa traxectoria, que gravarán no mes de xullo. O grupo deuse a coñecer cando venceron no concurso Cancioneiros, organizado pola Fundación Barrié, o que lles valeu para gravar a súa ópera prima.

Caramuxo achega unha sonoridade diferente grazas á presenza de catro clarinetistas na formación, que se completa con acordeón e percusións. Esa aposta polos clarinetes fai que sexan unha proposta diferente dentro do panorama musical galego, algo que sempre se agradece. O seu segundo álbum saíu á rúa en 2015 co título Arrieiros somos.

Na súa traxectoria a banda gañou o premio Martín Códax de música folk e o María Casares de teatro á mellor música orixinal pola obra Vento Mareiro, na que traballaron co actor Avelino González, do que sempre dixeron que foi un gran mestre á hora de aprender conceptos escénicos que logo incorporaron á banda. A dinámica posta en escena constitúe unha das súas características salientables.

O Festival do Mundo Celta de Ortigueira logra o XIV Premio Opinión Andaina Senlleira

O galardón que premia a unha traxectoria sobranceira na música de raíz recaeu nesta edición no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, un referente no mundo festivaleiro. Sen dúbida é un evento moi especial pola súa idiosincrasia, na que a convivencia acompañada de bo rolo entre as persoas inza a localidade ortegá durante os días nos que se celebra. É o primeiro festival que acada este recoñecemento. En 1978, a Escola de Gaitas de Ortigueira, dirixida por Xavier Garrote, ten a magnífica idea de realizar un acontecemento musical centrado no universo sonoro dos países celtas e co paso dos anos o grande espírito lúdico e a calidade presente no escenario fixeron de Ortigueira un lugar moi especial e unha cita ineludible para moitas persoas. Realizáronse trinta e cinco edicións do festival, xa que debeu interromperse durante uns anos por decisión dunha corporación municipal que refugaba o evento. Estes tempos de pandemia afectaron aos espectáculos con música en directo e Ortigueira, polas súas características, é dos que non poden ofrecer alternativas para a súa celebración, pero volverá con forza para ledicia dos moitos seareiros que marcan no calendario as datas do evento con deleitación. Polo seu escenario pasaron artistas de gran nivel, esas formacións que ocupan lugares destacados cando se fala dos músicos de maior prestixio. Unha iniciativa que xurdiu no ano 2000 foi o concurso Runas, que reúne a grupos noveis para dalos a coñecer e ofrecerlle ao gañador a posibilidade de actuar o ano seguinte no escenario principal. O festival está organizado polo concello de Ortigueira e conta con varios apoios institucionais para o seu financiamento. O Ministerio de Economía concedeulle en 2003 o galardón de Festa de Interese Turístico Nacional. Dous anos máis tarde o certame deu outro paso e entrou no grupo de eventos de Interese Turístico Internacional.